PRAZAS ESGOTADAS
Un campus urbano abre a programación estival destinada a ocupar o tempo de ocio dos adolescentes
Martes 2 de xullo do 2024
Imaxe do campus do 2023
O Concello de Carballo, a través das áreas de Servizos Sociais e Mocidade, organiza o segundo campus urbano para adolescentes de 12 a 16 anos, unha iniciativa que ten como finalidade favorecer a conciliación das familias con fillos e fillas desas idades, que xa non teñen cabida nos campamentos infantís de verán que organizan diferentes entidades. En só dous días, o número de solicitudes supera o de prazas, polo que se pecha a inscrición.
O campus será gratuíto e desenvolverase na planta alta do mercado municipal, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00. Os/as participantes deben estar empadroados no noso concello. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. As solicitudes admitidas serán confirmadas vía correo electrónico o luns 8 de xullo.
As actividades do campamento serán variadas, coa premisa de fomentar valores como o compañeirismo e o respecto, así como destrezas e habilidades que contribúan a fomentar o desenvolvemento integral dos/as participantes, pero este ano queremos traballar especialmente a creatividade da rapazada con actividades como un obradoiro de máscaras tribais con material de refugallo, elaboración de pousavasos con cemento e plásticos da man de Antonia Studio, creacións con herbas e flores ou bordado de Furoshiki con La chica de la cinta.
Ademais, todos os días haberá xogos diversos, e o venres, xornada de despedida, realizarase un obradoiro de cociña e unha festa con música, karaoke, gofres e glitter bar. Os/as participantes estarán acompañados por dous monitores con experiencia.
O campus urbano será a primeira actividade destinada á mocidade que levaremos a cabo este verán. En agosto realizaranse dous campamentos tecnolóxicos dos que ofreceremos toda a información nos vindeiros días.