Concello de Carballo, Deputación e Un paso máis organizan a primeira xornada informativa sobre TEA
Celebrarase o día 25 no Fórum Carballo e o prazo de inscrición está aberto ata o día 20
Martes 14 de maio do 2024
Sensibilizar á poboación sobre a importancia da inclusión social educativa das persoas con TEA é o principal obxectivo da I Xornada formativa “A inclusión socioeducativa”, co-organizada polo Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e Un paso máis, que se celebrará o 25 deste mes no Fórum. Presentámola na casa do concello, nun acto no que participaron representantes das entidades organizadoras.
A presidenta da asociación Un paso máis, Banesa Martínez Rodríguez, destacou a importancia de ofrecer información ás familias, pero tamén aos docentes, “por que os nenos pasan moito tempo na aula, e tanto para eles coma para os mestres é importante que o pasen o mellor posible”. Na presentación participou unha ampla representación da xunta directiva de Un paso máis, que está integrada tamén por Eva Arán Fernánez, secretaria; Lorena Botana Blanco, tesoureira, e os vogais Adrián Monteseirín Suárez, Vanesa Cabeza Bello e Valentín Costa Trillo.
Por parte do concello, ademais do alcalde, Evencio Ferrero, participaron as concelleiras de Educación, Mar Eirís, e Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, quen destacou a importancia de achegar a toda a cidadanía ferramentas que permiran construír unha sociedade máis inclusiva. O seu departamento, ademais, aposta pola co-responsabilidade na educación, e para facilitar que á xornada poidan asistir tanto pais coma nais, pon a disposición das familias un servizo de canguraxe. As interesadas deben facelo constar na inscrición, xa que hai un mínimo de 10 prazas.
Evencio Ferrero, pola súa banda, expresou a súa satisfacción pola utilización do Fórum Carballo como un espazo “para informar e formar de maneira transversal” e o seu desexo de que a iniciativa teña continuidade. “Os que cremos na educación como unha ferramenta para facer sociedades máis sólidas, sabemos que a educación ten que ser inclusiva”, manifestou. Así mesmo, subliñou a importancia da existencia de entidades como Un paso máis “para seguir facendo Carballo”.
PROGRAMA
- 09:30 - 10:00 Recepción e benvida
- 10:00 - 10:30 Acto inaugural: Evencio Ferrero (alcalde de Carballo), Ricardo García Mira (catedrático de Psicoloxía Social na Universidade da Coruña), Mar Eirís Villar (concelleira de Educación) e Banesa Martínez Rodríguez (presidenta da Agrupación Deportiva Un paso máis).
- 10:30 - 11:30 Vivenciando o Trastorno do Espectro do Autismo. Marcos Pinaque (mestre de educación primaria e doutor en equidade e innovación educativa)
- 11:30 - 12:00 Descanso para o café
- 12:00 - 13:30 Mesa redonda: comprendendo o TEA
- Isabel García García (logopeda, mestra A.L. e doutoranda especialista en TEA), Laura García Fernández (orientadora escolar), Ysaura Rodicio Orea (psicóloga especialista en equinoterapia) e Valentín Costa Trillo (familiar e membro de Un Paso Máis)
- 16:00 - 17:30 Talleres e seminarios (escoller 1 de 4)
-Taller de familias. (Isabel García. Logopeda e mestra de A. L. e doutoranda)
- Inclusión na aula ordinaria. (Marcos Pinaque. Mestre de educación primaria)
- Ocio inclusivo (Asociación Un Paso Máis)
- 18:00 - 19:30 Talleres e seminarios (escoller 1 de 4)
- Deseño e adaptación de materiais. (Laura García. Orientadora escolar)
- Taller de familias. (Isabel García. Logopeda, mestra de A. L. e doutoranda)
- Inclusión na aula ordinaria. (Marcos Pinaque. Mestre de educación primaria)
- Ocio inclusivo (Asociación Un Paso Máis)
- 19:45 - 20:15 Acto de clausura: Proxección dun vídeo turístico de Carballo, Xosé Regueira Varela (vicepresidente daDeputación da Coruña), Maica Ures García (concelleira de Servicios Sociais, Igualdade e Sanidade) e Eva Arán Fernández (secretaria da Agrupación Un Paso Máis)