Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

Persoas usuarias, voluntarias e colaboradoras de Cruz Vermella protagonizan a exposición “Rostros que fan cidade”

A concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures, asistiu á apertura da mostra, que pode visitarse ata o 12 de maio no Pazo da Cultura

Martes 23 de abril do 2024

A través da exposición Rostros que fan cidade, que pode verse no Pazo da Cultura, Cruz Vermella busca poñer o foco nas persoas, independentemente da súa idade, xénero ou condición. Persoas residentes na Coruña, Betanzos, Ferrol, Ordes, Santiago e Carballo que dan vida a cidades, barrios e comunidades. Un total de 40 retratos cos que Cruz Vermella, a través do proxecto CRECE, busca lembrar na provincia da Coruña a importancia de fomentar contornas inclusivas para previr, e mesmo paliar, as situacións de soidade non desexada.

Ata o 12 de maio podes ver os 40 Rostros que fan cidade, entre eles os de usuarios do centro sociocomunitario de Carballo ou da Asociación de Pensionistas de Sofán e tamén membros da xunta directiva de Afaber. Algunhas desas persoas asistiron á apertura da exposición, na que tamén estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures, e varios representantes da Cruz Vermella, entre eles o novo presidente da asemblea local, o pontecesán Xerardo Blanco Torrado.

Proxecto CRECE: Fagamos comunidade

Co financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea a través do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, CRECE é un proxecto experimental de Cruz Vermella Española que busca transformar o modelo de apoio e coidado de longa duración nas persoas para previr e atrasar a súa institucionalización. A iniciativa, que avoga ademais polo fomento da autonomía como vía para evitar a soidade non desexada, supón un gran reto para a Organización: pretende validar e instalar un novo modelo de intervención e coidados de longa duración que sexa transferible a outras entidades e ás políticas públicas do sector.

O proxecto está a desenvolverse en 51 localidades de 15 provincias españolas e estenderase ata decembro de 2024 co compromiso de intervir con 2.730 persoas participantes en diferentes situacións de vulnerabilidade social. No caso da provincia da Coruña, o compromiso é chegar a un total de 347 persoas maiores de 65 anos, mulleres en dificultade social, vítimas de violencia de xénero e persoas sen fogar a través das actividades que xa se están desenvolvendo nas asembleas coas que Cruz Vermella conta nos municipios da Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol, Ordes e Santiago.

Compartir: