“Poñamos o foco na igualdade”, un programa de concienciación social que vai máis alá do Día da Muller
O Concello de Carballo organiza actividades para a infancia, a mocidade, as persoas adultas e os colectivos profesionais arredor do 8M
Luns 4 de marzo do 2024
No Concello de Carballo defendemos que o traballo a prol da igualdade debe ser transversal e continuado, e por iso desde as diferentes áreas do goberno municipal estamos a traballar durante todo o ano en iniciativas que poden contribuír a paliar as situacións de desigualdade que aínda están presentes en numerosos ámbitos. Pero esas situacións tamén hai que visibilizalas, para que a veciñanza sexa consciente da súa existencia e se sume ao movemento de cambio cara unha sociedade máis igualitaria, e ese é o obxectivo das actividades que desenvolvemos arredor do Día da Muller.
Este ano convidamos á cidadanía a poñer o foco na igualdade a través dun programa de concienciación social que coordina a Concellaría de Igualdade pero no que participan diferentes áreas municipais, e que vai máis alá do 8 de marzo.
No Concello de Carballo temos o convencemento de que traballar pola igualdade debe ser unha misión colectiva, na que todas e todos podemos participar, e por iso no programa que agora presentamos hai actividades para todas as idades. Esta é a proposta:
Infancia
6 de marzo
Contacontos para bebés de ata 3 anos “A pequena gran inventora”, de Trémola Teatro.
Haberá dúas funcións, unha á 17.00 e outra ás 18.30 horas, na planta alta do mercado municipal. As prazas xa están completas.
Organiza a Concellaría de Normalización Lingüística
8 de marzo
Contacontos teatralizado para nenos/as de 3º de primaria “O mundo ao revés”.
Conta a historia de Jaime, un neno de 8 anos que se muda a un país no que só xogan ao fútbol as nenas. A función tamén se celebrará no mercado municipal.
Organiza a Concellaría de Igualdade
13 de marzo
Contacontos para nenos/as de 4 a 8 anos “O ratiño presumido”, de TrinkeTrinke Teatro.
Haberá funcións ás 17.00 e ás 18.30 horas. Os convites poden reservarse desde o 6 de marzo no 981 758 580.
Organiza a Concellaría de Bibliotecas
Mocidade
Mes de marzo
Ao longo deste mes levarase a cabo nos centros de secundaria unha campaña de difusión do Centro de Información á Muller (CIM), destinada a alumnado de 4º da ESO e Bacharelato. O obxectivo é que as mozas e os mozos coñezan os recursos que lles ofrece o centro.
8 de marzo
Contos que rachan cadeas, unha proposta da Deputación da Coruña para maiores de 12 anos que mestura literatura, audiovisuais e debate arredor do amor romántico. A actividade comezará ás 19.00 horas e as prazas son limitadas. Inscricións abertas no 981 758 580.
Familias
15 de marzo
Nova sesión do programa “Apego en igualdade”, que se centra precisamente na educación en igualdade. As familias participantes explorarán diferentes aspectos relacionados coa socialización de xénero e como esta afecta na forma de ser, sentir e facer de modo diferente en función do sexo co que nacemos.
Actividade destinada a familias con fillos/as de 0 a 6 anos.
Desenvolverase a partir das 17.30 horas no mercado municipal, e haberá servizo de canguraxe.
Inscricións en snl@carballo.gal
Organizan as concellarías de Igualdade e Normalización Lingüística.
Persoas adultas
8 de marzo
Masterclass de aquagym na piscina Vila de Noia, dirixida polas monitoras das instalacións municipais. Actividade aberta a todas as persoas que o desexen, xa que é asequible para todos os niveis de condición física, ten baixa complexidade técnica e ademais ofrece o atractivo engadido dun soporte musical. Desenvolverase de 12.00 a 13.00 horas, de xeito gratuíto.
As persoas interesadas poden anotarse na propia piscina Vila de Noia ou achegarse o mesmo día ás 11.30.
Sabías que o 48,47 % das persoas abonadas aos servizos deportivos municipais son mulleres?
Organiza a Concellaría de Deportes.
8 de marzo
Teatro para persoas adultas, dentro do programa Cultura con Forza.
Helen Keller, a muller marabilla, de Chévere Teatro. A función comezará ás 21.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura, e as entradas xa están á venda en billeteira.carballo.gal
Organiza a Concellaría de Cultura e subvenciona a Deputación da Coruña
9 de marzo
As mulleres teñen a palabra. Toda a información sobre o evento aquí.
Todo o ano
Campaña de difusión do Centro de Información á Muller (CIM) nos centros sociais das parroquias, en colaboración co movemento asociativo.
Profesionais
Mes de abril
Ao longo do mes realizarase unha acción formativa sobre trata de mulleres, impartida pola ONG Accem. Organiza a Concellaría de Igualdade.