Inscrición á proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos
Mércores 24 de xaneiro do 2024
Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización. (DOG nº 16 do 23/1/2024) ED534A
A Xunta de Galicia convoca a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2024. A proba realizarase en Santiago de Compostela o día 26 de abril de 2024 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela. Cando o número de persoas matriculadas exceda a capacidade dos espazos dispoñibles para realizar a proba no IES San Clemente, a Dirección Xeral de Formación Profesional establecerá outro centro ou centros nos cales os aspirantes realizarán a proba.
Requisitos das persoas aspirantes
- Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2024.
- Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente a efectos académicos.
- Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2023/24.
- As persoas con necesidades educativas especiais que teñan a declaración legal de discapacidade poderán solicitar a adaptación da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver (anexo I).
- A presidencia do tribunal determinará se procede adoptar medidas ou facilitar recursos adicionais para cada caso e informará a persoa interesada da súa decisión.
- A presidencia do tribunal adoptará as medidas e facilitará os recursos adicionais que se determinen para permitir que estas persoas poidan realizar a proba. Cando sexa necesario, poñerá esta circunstancia en coñecemento da xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para que facilite os recursos necesarios.
Documentación
- Solicitude: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED534A&ano=2024&numpub=1&lang=gl
- Pasaporte ou documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.
- Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.
- Certificacións académicas ou copia do libro de escolaridade e/ou historial académico que acrediten ter superado materias que permitan validar algún exercicio da proba.
Forma e lugar de presentación
As solicitudes de inscrición deberán presentarse de xeito presencial en soporte papel, conforme o modelo que figura no anexo I da presente resolución, nos centros educativos sinalados no punto 4 desta epígrafe ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:
- EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15003 A Coruña.
- IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
- EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
- EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
- EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
- EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.
Prazo de inscrición
O prazo de presentación de solicitudes de inscrición na proba será do 15 ao 28 de febreiro de 2024, ambos os dous incluídos.
O día 5 de marzo de 2024 publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas (anexo II), con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.
O día 14 de marzo de 2024 publicarase a listaxe definitiva das persoas admitidas e excluídas no portal educativo https://www.edu.xunta.gal