MATRÍCULA ABERTA DO 3 AO 31 DE XULLO
A Concellaría de Servizos Sociais pon a disposición das familias 280 prazas no programa Concilia
O servizo prestarase o próximo curso nos colexios Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán, así coma en calquera outro cun número mínimo de usuarios/as
Sábado 1 de xullo do 2023 Benestar
O Concello de Carballo abre do 3 ao 31 de xullo o prazo de solicitude do programa Concilia para o curso 2023-24. Co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade ofrece ás familias un servizo de recollida dos nenos e nenas a primeira hora da mañá nos propios centros escolares, cubrindo a necesidade de atención antes do inicio das clases pola mañá con persoal cualificando, ademais de ofrecer o servizo optativo de almorzo.
O servizo préstase de luns a venres os días lectivos dende as 7:00 ata a hora de incorporación ás clases en cada centro. Tamén se ofrece servizo nos períodos vacacionais de Nadal, Entroido, e Semana Santa, e nas pontes, así coma nos primeiros días de setembro. Nestes casos, as familias deberán deixar e recoller aos nenos e nenas na sede da empresa concesionaria, O Recuncho dos Nenos, situada na rúa Barcelona, número 18, entrechán dereito.
Información importante
- O prazo de matrícula no programa Concilia será do 1 ao 31 de xullo para usuarios/as do curso completo. A partir do 18 de setembro haberá un novo prazo para usuarios/as puntuais que estará aberto durante todo o ano.
- É importante asinar todos os documentos, tanto a matrícula como as autorizacións que figuran nos anexos.
- As prazas son limitadas a 150 no CEIP Fogar, 100 no CEIP Bergantiños e 30 no CEIP Gándara-Sofán, e concederanse por rigorosa orde de inscrición.
- Se desexa facer uso do servizo a partir do 1 de setembro deberá entregar o impreso correspondente aos días soltos do mes de setembro que figura entre os anexos.
- As solicitudes poden presentarse nos rexistros municipais, na Sede Electrónica do Concello de Carballo o por calquera outro medio válido.
- As listaxes provisionais publicaranse o día 9 de agosto.