Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual ofreceu un almorzo saudable aos usuarios de Afaber

Venres 30 de xuño do 2023

O alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual continúa coa súa formación práctica en diferentes ámbitos, e dentro do amplo programa de actividades que están a desenvolver, hoxe desprazáronse ata a sede de Afaber, en Bértoa, para ofrecer un almorzo saudable aos usuarios e usuarias da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños. O bufete, que incluíu pratos doces e salgados e tamén froita, foi moi ben acollido e mellor valorado.

O obradoiro de emprego tamén está a colaborar coa Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) coa elaboración de dous menús semanais (luns e mércores) para cinco usuarios e usuarias da entidade que non teñen acceso a outro tipo de servizos como Xantar na Casa.

Ademais, coincidindo co mercado do xoves, dende a escola achéganse cada 15 días ata o mercado municipal para seguir amosando as numerosísimas posibilidades gastronómicas que ofrecen os produtos que proximidade que se venden nos postos da praza de abastos.

A formación en alternancia é un apartado clave dentro do proxecto do obradoiro dual de emprego que organiza a Concellaría de Innovación, Formación e Emprego e financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Un total de 20 persoas iniciaron a súa formación o pasado mes de outubro, 10 na especialidade de cociña e outras 10 na de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.



Galería

Compartir: