O alumnado de atención sociosanitaria do Fórum Dual inicia as súas prácticas en institucións sociais
Representantes das entidades colaboradoras asinaron hoxe os convenios de colaboración nun acto celebrado na Alcaldía
Luns 8 de maio do 2023
Para o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Fórum Dual na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, chegou o momento de aplicar a situacións reais os coñecementos adquiridos a través da formación teórica e práctica que veñen recibindo nos últimos meses.
Hoxe, nun acto celebrado na Alcaldía, Evencio Ferrero asinou os convenios de colaboración coas institucións nas que desenvolverán as súas prácticas: Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Bergantiños (Afaber), Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte, Centro de día da Praza de Vigo e Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM). No acto tamén participaron a directora do obradoiro, Esther González, e o concelleiro de Formación, Innovación e Emprego, Iván Andrade.
Cada unha das dez alumnas-traballadoras realizará prácticas polo menos en dúas institucións diferentes para coñecer o traballo con persoas maiores, por unha banda, e con persoas con discapacidade, pola outra. O período de prácticas abrangue desde o 9 de maio ata o 27 de setembro.
O obradoiro dual de emprego Fórum Dual é un proxecto impulsado polo Concello de Carballo e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia que fai posible a formación dun total de 20 persoas en profesións con gran saída laboral: 10 en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e outras 10 en cociña.