Aberto o prazo de solicitude de axudas para as persoas diagnosticadas con ELA
Martes 11 de abril do 2023
As persoas diagnosticadas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) poden solicitar unha axuda de ata 12.000 euros ao ano, tal como se recolle na Orde do 3 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas para o ano 2023 dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica e se realiza a súa convocatoria, publicada no DOG do 5 de abril.
Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:
- Ter feitos os 18 anos.
- Estar empadroados/as nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Estar diagnosticadas da enfermidade da ELA.
- Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitada a situación de dependencia.
Serán subvencionables os seguintes gastos, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:
Gastos de investimento
- Adquisición de axudas técnicas para a mobilización como andadores, guindastes, cadeira de baño, cadeira, cinto de transferencia e outras axudas asimilables.
- Adquisición de produtos de apoio destinados, segundo a clasificación da NORMA ISO 9999:2016, a:
- Tratamento médico personalizado.
- Entrenamento e aprendizaxe de capacidades.
- Mobilidade persoal.
- Aseo, coidado e protección persoal.
- Actividades domésticas.
- Mobiliario e adaptacións para vivendas.
- Comunicación e información.
- Manipulación de obxectos e dispositivos.
- Mellora e avaliación do contorno.
- Lecer e recreación.
- Adquisición de produtos de hixiene e aseo persoal segundo o Catálogo de produtos de apoio do Centro de referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas e non incluídos na letra b) deste número.
- Adaptación funcional do fogar e o seu contorno, no caso de non estar incluídos nas letras anteriores: modificacións ou adecuación de espazos, instalacións e equipamentos que rodean a persoa beneficiaria co obxecto de facilitar ou habilitar a realización das actividades da vida diaria no fogar de maneira máis segura, sinxela e independente. Inclúese adaptación do interior da vivenda, dos accesos a esta e das zonas de uso común comunitario, no caso de habelas.
- Adquisición de vehículo adaptado ou adaptación deste.
- Servizos asistenciais complementarios ás prestacións da Seguridade Social ou mutualidades de previsión social prestados á persoa beneficiaria por profesionais habilitados: Fisioterapia manual e respiratoria, logopedia, psicoloxía, asistencia persoal/coidador profesional.
- Transporte para a asistencia a tratamentos e centros asistenciais.
- Ser usuario de praza de atención residencial e conte con servizo de transporte subvencionado.
- Ser usuario de centro de atención diúrna e conte con servizo de transporte subvencionado.
A contía da axuda pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria. O prazo de solicitude está aberto ata o 30 de novembro de 2023.