Declaración institucional da corporación municipal de Carballo contra a violencia de xénero
O Concello propón á cidadanía un contrato social que poderá asinarse ata fin de mes
Venres 25 de novembro do 2022
Un cento de persoas participaron na concentración
A corporación municipal de Carballo aprobará na sesión plenaria do luns 28 de novembro a Declaración institucional contra a violencia de xénero, que conta co apoio de todos os grupos políticos. Unha representación das mulleres que os integran participou neste 25 de novembro na lectura pública do texto, que se levou a cabo na Praza do Concello coa presenza dun cento de persoas, e que reproducimos de seguido.
De esquerda a dereita, Maricarmen Vila, Maica Ures, Beatriz Neira, Milagros Lantes e Belén Lendoiro
"A violencia machista segue forte na nosa sociedade, mostra da vixencia dun sistema patriarcal que nos últimos dez anos leva provocado 1.171 vítimas mortais no estado español. Non hai moitos meses, a sociedade carballesa enchía a Praza do Concello para berrar ben alto que queremos un concello libre de violencias machistas. Porque a violencia de xénero tócanos moi de preto. O Centro de Información ás Mulleres do Concello de Carballo, no que tamén atendemos a mulleres dos concellos de Ponteceso, Malpica e Coristanco, leva atendido este ano a máis de 60 mulleres vítimas da violencia machista. Estamos, polo tanto, ante un problema que debe preocuparnos e ocuparnos.
Pero ademais desa preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto do ano 2022 engade a incerteza dunha situación económica marcada pola escalada de prezos, un problema que nos afecta a todas e todos, pero que impacta con maior virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade. Estamos nun momento no que, ademais, medran os discursos misóxinos que afirman que a violencia non ten xénero e cuestionan a desigualdade e a violencia machista.
Por iso é máis necesario aínda que quede ben claro que si, que a violencia si ten xénero e que ademais é unha violencia estrutural e fortemente ancorada na sociedade. Atópase presente en todos os países e culturas, independentemente do nivel educativo e a posición social. Debemos recoñecer e identificar e recoñecer que as desigualdades entre homes e mulleres son o xermolo das violencias que exercen os homes e que sofren as mulleres. Por iso, instamos os homes a que reflexionen sobre o poder que exercen e sobre a súa participación neste sistema violento, que atenta contra os dereitos humanos das mulleres.
Queremos manifestar a nosa condena a cada un deses 1.171 asasinatos machistas nin a nosa solidariedade coas mulleres e nenas agredidas, coas mulleres e as súas fillas e fillos que conviven coa violencia machista. Pero as condenas e os actos de repulsa non abondan. Debemos ir máis alá, e acadar un contrato social para acabar dunha vez por todas coa violencia de xénero. Dende o Concello de Carballo propoñemos a adhesión de toda a sociedade ao seguinte compromiso:
- Promocionar o Centro de Información ás Mulleres como un dos recursos municipais máis importantes cos que contamos para loitar contra as violencias machistas e pola igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
- Visibilizar a realidade das violencias machistas a través de campañas e iniciativas que axuden a combatelas con formación e con información real, transparente e contrastada.
- Traballar, dentro das competencias municipais, por unha educación en igualdade, porque só deste xeito poderemos acadar unha sociedade libre.
- Instar aos medios de comunicación, ás empresas, entidades e persoas que a nivel individual utilizan as redes sociais a asinar este contrato social, comprometéndose a erradicar as mensaxes que sitúan a responsabilidade da violencia machista nas mulleres.
Contrato social
Asinando o contrato social contra a violencia de xénero
As persoas que desexen subscribir o contrato social ao que fai alusión a Declaración institucional contra a violencia de xénero poderán facelo ata o día 30. O documento está a disposición da cidadanía na planta baixa da Casa do Concello, onde tamén hai unha urna dispoñible para depositalo unha vez asinado.