O Concello de Carballo impulsa unha rede de puntos seguros para persoas que poidan ser vítimas de violencia
Establecementos de hostalaría, taxis e farmacias poderán sumarse á iniciativa nunha primeira fase
Xoves 17 de novembro do 2022
Ante a crecente inquedanza social que provoca a sucesión de actos violentos contra as mulleres que se producen nos ámbitos de ocio ou a escalada de agresións por submisión química, dende a Concellaría de Igualdade, Benestar e Sanidade impulsamos a creación dunha rede de puntos seguros nos que, no caso de que precisalo, calquera persoa poida atopar axuda de xeito inmediato.
Queremos espazos seguros para desfrutar do noso tempo de lecer, e nesta primeira fase orientamos a creación da rede de puntos seguros a establecementos e servizos que funcionan en horario nocturno, como hostalaría, taxis e farmacias.
Os locais que queiran sumarse deben enviar un correo electrónico a carballoenrede@carballo.gal (indicando no asunto “ocio seguro”). Dende o Concello de Carballo ofreceráselles formación específica en igualdade, violencia de xénero, pautas e protocolos de actuación ante casos de violencias machistas, actos violentos contra persoas do colectivo LGTBQ+, etc. Ao remate da formación recibirán unha identificación como establecemento adherido á rede “Punto seguro”.
A concelleira de Igualdade, Maica Ures, agradeceu a boa disposición amosada pola Asociación de Hostalaría e agarda que neste mes de novembro se materialicen as primeiras adhesións á rede para poñela en marcha de xeito efectivo no vindeiro 2023.
Dun xeito paralelo, e como vén sendo habitual arredor do 25N, o Concello de Carballo fai un chamamento ao comercio local para axudar a visibilizar o rexeitamento da cidadanía á violencia de xénero. Este ano continuamos coa campaña En que punto estás contra a violencia de xénero? E unha vez máis convidamos ás/aos comerciantes a utilizar os escaparates como altofalante decorándoos de cor morada entre os días 21 e 27, como mínimo. Os que o precisen poden solicitar ademais os adhesivos da campaña ou os letreiros de Aberto/Pechado co símbolo da campaña. O prazo de participación segue aberto no enderezo carballoenrede@carballo.gal.
Participación social
Imaxe da concentración do ano 2021
O 25 de novembro, a Praza do Concello, acollerá ás 12.00 horas a xa tradicional concentración pública e a lectura da Declaración institucional do Concello de Carballo contra a violencia de xénero, un acto no que agardamos contar coa resposta masiva da sociedade carballesa.
Entre as actividades abertas a toda a cidadanía tamén figura este ano a proxección da película Onde máis doe, un documental sobre a violencia vicaria baseado nun suceso real ocorrido no ano 2017. Ao remate da exhibición, que terá lugar o 23 de novembro, ás 20.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa, haberá un coloquio moderado por Lorena Seoane, psicóloga do Programa de atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Tamén están programadas actividades dirixidas á infancia e a mocidade, porque consideramos que a educación é fundamental para erradicar a violencia machista. Para os máis pequenos e as máis pequenas, o día 25, ás 18.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa, ofreceremos o espectáculo de narración oral e monicreques Novos lobos.
E ademais levaranse a cabo dúas accións nos centros de secundaria: o reparto do termómetro da violencia de Marina Marroquí en forma de marcapáxinas, para todo o alumnado, e uns obradoiros sobre prevención da violencia sexual específicos para os/as estudantes de 1º de bacharelato.