O Eixo Atlántico reuniuse en Carballo para abordar a estratexia conxunta en materia de política social
Case trinta representantes de concellos de Galicia e do norte de Portugal celebraron unha xornada de traballo na casa do concello
Xoves 27 de outubro do 2022
A reunión celebrouse no salón de plenos
O grupo temático de política social do Eixo Atlántico reuniuse en Carballo para analizar as conclusións do estudo realizado para elaborar o Mapa de cohesión do sistema urbano, que xorde coa intención de medir o nivel de cohesión do territorio que forma parte do Eixo Atlántico, ten en conta que integra espazos de dous países, pero tamén pola necesidade de iniciar un proceso de innovación transformadora dos servizos sociais e das políticas sociais deste amplo territorio ante os novos retos derivados da crise económica, a pandemia e a invasión de Ucraína.
Mesa presidencial
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, exerceu como anfitrión do encontro xunto coa concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. Na mesa presidencial estiveron tamén o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o director do equipo de investigación, Roberto San Salvador, que foi o encargado de expoñer as conclusións do traballo realizado por un equipo mixto da Universidade de Deusto e do propio Eixo Atlántico.
Roberto San Salvador explicou o estudo
Entre esas conclusións destaca o alto grao de cohesión da área transnacional e da calidade de vida das persoas que residen nela. Sen embargo, un 25% da poboación do Eixo Atlántico está en risco de pobreza e exclusión en maior ou menor grao, unha situación que se propón paliar cun aumento progresivo do gasto público en educación, saúde, servizos sociais e vivenda, e cunha resposta integral que inclúa medidas a curto, medio e longo prazo.
A xornada de traballo reuniu no salón de plenos da casa do concello a unha trintena de representantes dos concellos de Galicia e do norte de Portugal que forman parte do Eixo Atlántico.