O Concello de Carballo recibe o premio “Alas en tus pies” na categoría de progreso social polo traballo en favor da infancia
A concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, participaron en Santiago na gala de entrega
Sábado 15 de outubro do 2022 Benestar
Foto de familia das persoas premiadas na gala "Alas en tus pies"
O Concello de Carballo vén de recibir o premio Alas en tus pies na categoría de progreso social polo traballo realizado en favor da infancia como base para un futuro de progreso e desenvolvemento social. No acto de entrega, celebrado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, participaron a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo.
O xurado valorou dun xeito moi especial iniciativas como o programa Concilia, o proxecto de creación de parques infantís integradores Carballo para a infancia, a oferta lúdica e educativa da Biblioteca Rego da Balsa, as actividades para nenos e nenas que se desenvolven no marco de programas como Carballo Interplay ou o FIOT, os 35 anos da escola infantil de natación ou a creación da carballeira do futuro con máis de 150 carballos apadriñados e amadriñados por bebés.
Marcos Trigo e Maica Ures, co premio
Os premios Alas en tus pies foron convocados por cuarto ano pola ONG PEstudio-Periodismo Social, integrada por profesionais das ciencias da información que traballan na defensa do dereito da infancia a medrar en familia. Ademais do Concello de Carballo, nesta edición tamén foron galardoados o proxecto Malmecuida, na categoría de benestar infantil; Mar de Fábula, en educación ambiental; O Berce Escola Infantil, en proxecto educativo; Pianova, en innovación educativa; Silvia Penide, en traxectoria profesional, Herrera & Cores, en odontopediatría, e Vítor Costa, en superación persoal.
Os fondos procedentes da gala de entrega dos premios van destinados aos mozos e mozas que saen do sistema de protección da infancia sen apoio familiar nin recursos económicos. A presidenta da entidade organizadora, Isabel García, xustificou este traballo porque “aquí e agora, en Galicia, hai mozos e mozas que teñen que abandonar o sistema de protección da infancia por ter acadado a maioría de idade, e teñen que facelo sos, sen apoio familiar, sen recursos económicos. Case con toda seguridade, isto non pasaría se os poderes públicos, responsables directos, da Xunta de Galicia, creran no poder que ten a familia como medida de protección. Das 4.000 persoas menores de idade que dependen da administración galega, só 900 medran nun entorno familiar”.