Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

A Concellaría de Terceira Idade retoma na parroquia de Noicela os cursos para facilitar o manexo dos teléfonos móbiles

O prazo de inscrición está aberto de xeito permanente na Biblioteca Rego da Balsa, a través da nosa páxina web ou dos consellos parroquiais

Luns 12 de setembro do 2022 Benestar

O último curso celebrouse en Lema

O último curso celebrouse en Lema

Este 13 de setembro comezará na parroquia de Noicela un novo curso para facilitar ás persoas maiores o manexo dos teléfonos móbiles intelixentes. A Concellaría de Terceira Idade retoma deste xeito unha actividade que tivo moitísima demanda na súa primeira edición, no ano 2019, e que recuperamos despois da pandemia tamén con moi boa acollida.

Despois dos celebrados en Sofán e Lema, mañá martes arrincará un novo curso no centro social de Imende, no que participarán 15 veciñas e veciños das parroquias de Noicela, Rebordelos, Lema e Vilela. Neste caso as prazas están completas, pero no caso de que existise máis demanda organizaríase un segundo grupo. Da formación encargarase, unha vez máis, voluntariado da Cruz Vermella de Carballo.

O obxectivo da Concellaría de Terceira Idade, organizadora desta iniciativa, é que todas as persoas maiores que o desexen poidan mellorar as súas destrezas no manexo dos smartphones. Por iso, o prazo de inscrición está aberto de xeito permanente. As persoas interesadas poden anotarse de xeito telemático a través da páxina web www.carballo.gal e tamén de forma presencial na Biblioteca Rego da Balsa ou poñéndose en contacto co seu consello parroquial de referencia.

Despois do curso en Imende, que se celebrará os días 13, 14 e 20, o xoves 22 comezaremos outro en Carballo, no mesmo horario de 16.00 a 18.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. Poderán asistir veciños e veciñas de calquera parroquia. As persoas interesadas deben inscribirse canto antes.

Compartir: