Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O alumnado do obradoiro de emprego "Carballo Coida" inicia as súas prácticas en institucións sociais

Representantes das entidades colaboradoras asinaron hoxe os convenios correspondentes nun acto celebrado na Alcaldía

Luns 18 de abril do 2022 Benestar

O acto tivo lugar na Alcaldía

O acto tivo lugar na Alcaldía

Para o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Carballo Coida, centrado na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, chegou o momento de aplicar a situacións reais os coñecementos adquiridos a través da formación teórica e práctica que veñen recibindo nos últimos seis meses.

Hoxe, nun acto celebrado na Alcaldía, Evencio Ferrero asinou os convenios de colaboración coas institucións nas que desenvolverán as súas prácticas: Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Bergantiños (Afaber), Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte, Centro de día de persoas maiores Fogar de Bergantiños de Verdillo e Centro de día da Praza de Vigo.

As 18 alumnas e os 2 alumnos que están a formarse no obradoiro dividiranse en dous grupos para levar a cabo as prácticas, que se desenvolverán en dúas quendas: do 19 de abril ao 3 de xuño e do 6 de xuño ao 21 de xullo. “Cada alumno-traballador vai realizar prácticas en dúas institucións diferentes para coñecer o traballo con persoas maiores, por unha banda, e con persoas con discapacidade, pola outra”, explicou a directora do obradoiro, Esther González. Xunto a ela e aos representantes das entidades colaboradoras, ao acto de hoxe tamén asistiron a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade. Tanto eles coma o alcalde agradeceron a implicación das entidades e destacaron a importancia da formación nun campo con grandes necesidades de profesionais.

O obradoiro dual de emprego Carballo Coida é un proxecto impulsado polas concellarías representadas no acto de hoxe coa intención, precisamente, de paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores do sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral. Esta acción formativa está subvencionada pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia cunha achega de 346.946 euros, que tamén ten consignada unha partida de 16.500 euros para 11 incentivos á contratación laboral.

O Concello de Carballo pretende consolidar a formación en atención sociosanitaria de cara aos vindeiros anos. De feito, a Xunta de Goberno Local aprobou o mes pasado unha solicitude de subvención á Xunta para un novo proxecto formativo, Fórum Dual, que inclúe atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e cociña.

Compartir: