Recomendacións da Xunta, concellos e ONGD para canalizar a solidariedade co pobo ucraíno
O Concello de Carballo súmase á convocatoria da FEMP e a Fegamp para gardar 5 minutos de silencio o mércores 9 ás 12.00 horas
Martes 8 de marzo do 2022 Benestar
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, representantes da Fegamp, da Coordinadora Galega de ONGD, das ONGD humanitarias (Farmaceuticos Mundi, Médicos del Mundo, UNICEF Comité Galicia, Cruz Vermella, Educo, Entreculturas, Movimiento por la Paz y el Desarme e Axuda en Acción) e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebraron este luns unha xuntanza na que, despois de escoitar a todas as partes, acordouse trasladar á cidadanía as seguintes recomendacións para canalizar o apoio ao pobo ucraíno:
Paralizar as doazóns de bens en especie, dadas dificultades de almacenaxe, loxística e transporte. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, responsable de canalizar a axuda humanitaria desde Galicia en coordinación coas autoridades estatais, realizará un inventario dos almacéns que xa existen para estudar se é preciso enviar parte dos produtos máis adiante, reservalos para as persoas refuxiadas que cheguen a Galicia ou darlle saída a través doutro tipo de entidades.
Priorizar as achegas económicasa través das ONG ou organismos internacionais que están dando apoio á poboación ucraína afectada, para que merquen o que realmente precisan no momento que o precisan. Estas doazóns pódense realizar a través das seguintes entidades, entre outras:
- Coordinadora Galega de ONGD: https://galiciasolidaria.org/como-apoiar-a-poboacion-na-ucraina/
- Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional da Cruz Vermella: https://www.icrc.org/es/donate/crisis-en-ucrania
- Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas. Fondo Humanitario para Ucraína: https://www.unocha.org/ukraine/about-uhf
- Axencia das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACNUR): https://eacnur.org/es/crisis-ucrania
Non facer envíos de materiais por conta propia. As organizacións participantes na xuntanza consideran unha irresponsabilidade trasladar o envío de materiais ata a fronteira da zona en conflito.
En ningún caso ir en busca de persoas. Esta tarefa debe quedar en mans das autoridades competentes, porque podemos estar poñendo en risco ás persoas refuxiadas.
A Xunta de Galicia considera que é imprescindible unha acción conxunta e coordinada dos distintos axentes para garantir que toda a axuda en materia de acción humanitaria sexa o máis eficaz e eficiente posible. Neste sentido, como resultado da reunión considerouse necesario a creación e mantemento dun grupo de coordinación estable para o intercambio da información e a procura de solucións ante esta crise.
Concentración silenciosa
O Concello de Carballo súmase á convocatoria realizada dende a Fegamp e a FEMP para levar a cabo mañá mércores, día 9 de marzo, ás 12:00 horas, un acto en solidariedade co pobo ucraíno consistente nunha concentración silenciosa de cinco minutos diante da Casa do Concello.
Grazas polo voso apoio e solidariedade.