Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O Concello de Carballo convida a toda a sociedade a sumarse á loita colectiva pola igualdade de xénero

As cinco concelleiras do goberno presentaron as propostas para o 8M nun simbólico acto que se celebrou na Praza Xela Arias, coincidindo co 60º aniversario do nacemento da autora

Venres 4 de marzo do 2022

As cinco concelleiras do goberno municipal presentaron os actos do Día da Muller

As cinco concelleiras do goberno municipal presentaron os actos do Día da Muller

Nunha interesante entrevista que lle fixo Manolo Rivas no ano 1990, Xela Arias declaraba que deixaría de ser feminista o día no que as mulleres discriminadas non o estivesen. 33 anos despois, a autora homenaxeada co Día das Letras Galegas do 2021 tería que seguir sendo feminista. Este ano queremos convertela no símbolo do traballo pola igualdade que estamos a facer no Concello de Carballo, e hoxe, coincidindo coa data na que celebraría o seu 60 aniversario, as cinco mulleres que forman parte do goberno municipal reuníronse na Praza Xela Arias para presentar o programa de actividades que se van desenvolver arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

O principal obxectivo da Concellaría da Igualdade é, como destacou Maica Ures, conseguir “a implicación de toda a sociedade” nesa loita pola igualdade. “O feminismo –engadiu- forma parte da nosa identidade individual, pero debe ser unha loita colectiva”, e por iso, un ano máis, o Día da Muller en Carballo inclúe propostas para todos os sectores da sociedade e non se limita á celebración dunha única xornada, senón que se estende máis alá.

A Praza Xela Arias convértese no símbolo das reivindicacións do 8M

A Praza Xela Arias convértese no símbolo das reivindicacións do 8M

O 8 de marzo é unha efeméride tan simbólica que queremos dotala de símbolos que perduren, como o mobiliario urbano ou a ornamentación floral da propia Praza Xela Arias. Pero tamén con outros símbolos que estamos a espallar grazas á colaboración do comercio local, ao que convidamos a utilizar a cor morada para decorar os escaparates durante toda a semana e a colocar nas portas os tradicionais letreiros aberto/pechado deseñados co emblema da campaña E ti en que punto estás?. A partir de agora, os negocios de calquera sector que queiran colaborar estarán abertos tamén á igualdade, ao respecto, ao entendemento e á liberdade, e pecharán as súas portas aos machismos, ao menosprezo, á violencia e á desigualdade.

O noso comercio é un escaparate xigantesco de igualdade, pero tamén queremos traballar ese concepto dende a infancia, e por iso, un ano máis, a campaña do 8M chega aos centros escolares a través de diversos materiais. O máis destacado é o caderno de pasatempos A píllara, do que distribuímos no verán unha primeira edición con contidos relacionados co noso concello, e que volve agora cunha edición específica sobre muller e igualdade para traballar nos institutos de secundaria.

PROGRAMA DE ACTOS

Por suposto, o Día da Muller tamén se celebra con actividades públicas abertas a toda a cidadanía. Este é o programa:

4 de marzo 19.00 horas / Biblioteca Rego da Balsa
Presentación do libro O sarcoma día a día, con Carolina Castiñeiras e Iara Mantiñán, dúas das autoras dos relatos en primeira persoa que conforman o libro, cuxa venta axudará á investigación da enfermidade.

8 de marzo De 18.00 a 19.00 horas / Praza do Concello (se chove, no Mercado Municipal)
Obradoiros para a cativada: en Coñecemos ás nosas precursoras, a rapazada disporá de diferentes imaxes de mulleres importantes de distintas épocas históricas e creará, con pintura e diferentes materiais, un decorado dedicado a elas. Paralelamente desenvolverase un Obradoiro de símbolos, con globos 100% biodegradables que decorarán e cos que construirán entre todos/as os/as participantes un símbolo feminino xigante.

20.30 horas / Biblioteca Rego da Balsa Presentación do libro Pioneiras da ciencia en Galicia, con Manuel Rey Pan e Elena Vázquez Cendón.

11 de marzo 10.00 horas / Fórum Carballo
Xornada para profesionais A xustiza dende a perspectiva de xénero, co xuíz José Antonio Vázquez Taín.

Compartir: