O alcalde acompañou ao director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na súa primeira visita a Aspaber
Representantes da asociación amosáronlle as instalacións e puxeron sobre a mesa a necesidade de ampliar a oferta residencial
Mércores 16 de febreiro do 2022
Beatriz Neira, Rubén Lorenzo, Fernando González, Dolores Fernández, Evencio Ferrero, Rufino Fraga, José Silván e Maica Ures
Aspaber recibiu hoxe a primeira visita de Fernando González Abeijón dende que ocupa o cargo de director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. O representante da Xunta estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e tamén se sumaron á visita os concelleiros do PP Rubén Lorenzo e Beatriz Neira. En representación da asociación asistiron o presidente, Rufino Fraga, e o directivo José Antonio Silván, ademais da directora do centro, Dolores Fernández.
Neste primeiro contacto coa entidade carballesa, o director xeral participou nunha completa visita guiada polas instalacións da Brea que concluíu nas dependencias que veñen de ser acondicionadas cun proxecto subvencionado pola Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e Agader, e que permitirán a implantación dun novo servizo orientado á formación e o emprego.
As autoridades realizaron unha completa visita ás instalacións
Unha vez acadado este obxectivo, pendente só do equipamento, a xunta directiva de Aspaber puxo sobre a mesa a urxencia de ampliar a oferta residencial. Segundo explicou Dolores Fernández, a residencia actual, con 17 prazas, ten unha ocupación do 100% dende a súa apertura. Ante unha demanda que vai en aumento, e á que non se lle pode dar resposta, dende Aspaber trabállase na posibilidade de contar cunha nova residencia que permita engadir polo menos 30 prazas máis e atender as necesidades das familias. Fernando González explicou que por parte da Administración autonómica existe unha liña de axudas, ás que pode optar Aspaber, en réxime de concorrencia competitiva.