Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O VENRES 11 DE FEBREIRO TAMÉN SE REALIZARÁ UN REPARTO DE PRESERVATIVOS NA ZONA DA MOVIDA

O Concello de Carballo impulsa unha campaña de educación sexual en colaboración cos institutos de Secundaria

A iniciativa, que comezou cun traballo previo cos equipos de orientación, atópase nestes momentos nunha fase de recompilación de datos entre o alumnado

Luns 31 de xaneiro do 2022

Maruxa Suárez, Evencio Ferrero, Mar Eirís e Maica Ures, na presentación da iniciativa

Maruxa Suárez, Evencio Ferrero, Mar Eirís e Maica Ures, na presentación da iniciativa

O Concello de Carballo trata de abordar, a través dunha campaña de educación sexual que se está a desenvolver nos institutos de Secundaria, unha serie de problemas que afectan aos nosos mozos e mozas na súa relación co sexo. Presentámola hoxe na Alcaldía, nun acto conxunto das concellarías de Mocidade, Igualdade e Educación, posto que se trata dunha iniciativa transversal.

A iniciativa comezou cun traballo preliminar cos equipos de orientación e agora está en fase de investigación nas aulas

A proposta partiu da Concellaría de Mocidade, despois dun traballo de recompilación de información entre a poboación adolescente, profesionais do ensino e da medicina, pais e nais, do que puidemos extraer as seguintes conclusións: “O sexo e a sexualidade seguen a ser un tema bastante tabú, e pouco abordado. Nestes momentos, a principal fonte de información para a rapazada está na internet e nas redes sociais, a través de contido moitas veces inadecuado e cun cariz machista moi importante”, explicou a concelleira Maruxa Suárez, quen ademais expresou a preocupación do goberno municipal “porque ese machismo está totalmente ligado ao desenvolvemento da sexualidade, e vemos que as violencias machistas son un gran problema. A xuventude precisa afondar no tema das violencias machistas para ser máis conscientes delas e aprender a detectalas”. Pero tamén se detectaron outros sinais de alarma, como o acceso á pornografía a idades cada vez máis temperás ou o rexeitamento á utilización de métodos de protección fronte ás enfermidades de transmisión sexual ou dos embarazos non desexados, que moitas veces se traducen nun abuso da chamada píldora do día despois.

Coa intención de comprobar ata que punto tiña todas estas preocupacións tiñan unha base real na nosa contorna, dende o Concello de Carballo contactouse co equipo de Hadriana Ordóñez, psicóloga clínica especialista en sexoloxía, cunha ampla experiencia neste tipo de iniciativas, que ten desenvolvido tanto para centros educativos, entidades, concellos ou mesmo para a Xunta. En decembro realizouse un traballo preliminar cos equipos de orientación dos institutos e a semana pasada comezou a fase de investigación nas aulas. Nese sentido, a concelleira de Educación, Mar Eirís, agradeceu a colaboración das orientadoras e destacou a importancia de que este tipo de programas cheguen aos centros, porque é unha forma de garantir que chegan a toda a rapazada.

Información na zona de ocio nocturno

As representantes do goberno amosan o pack que se empezará a repartir o día 11

As representantes do goberno amosan o pack que se empezará a repartir o día 11

Unha vez remate a investigación nas aulas, as propias conclusións permitirán deseñar as próximas accións. Mentres tanto, seguimos traballando en distintos ámbitos, e, así, o vindeiro 11 de febreiro, venres anterior a San Valentín, instalaremos un posto informativo na zona de ocio nocturno no que, ademais de asesorar e atender aos mozos e mozas que o precisen, realizarase un reparto masivo dun pack que inclúe un preservativo, unha toalliña hixiénica e un pequeno folleto coas razóns básicas para, no caso de decidir ter sexo, usar condón.

“Segundo un informe de Save the children, o 46,1% de adolescentes non usa sempre métodos de protección, e o 13,7% non o fai nunca ou case nunca”, indicou a concelleira de Igualdade, Maica Ures, quen tamén destacou que esta campaña vén complementar o programa “Quéreme ben”, que imparte a asociación Vieiro tamén nos institutos de Carballo coa colaboración do Concello.

Tras achegar outros datos moi preocupantes, como que o 62,5% de adolescentes entre 13 e 17 anos viron pornografía, que o 53,8% fíxoo antes dos 13 anos, ou que ese consumo de pornografía inflúe nas relacións sexuais de máis da metade, Maica Ures concluíu que “a realidade actual é que a sexualidade está baseada nun esquema de desigualdade, que é un caldo de cultivo perfecto para que se constrúan relacións baseadas na violencia”.

Os primeiros datos recollidos nos centros son “preocupantes”, manifestou o alcalde. “As relacións entre persoas forman parte do ámbito privado, pero cando falta o respecto e hai un problema de comportamento xa é un problema social”. Nese sentido, Evencio Ferrero apuntou que a actuación “dos gobernos municipais teñen que ir enfocadas a facer sociedades mais sólidas, e relacións baseadas no respecto e na tolerancia, nunca na submisión e o abuso”.

Compartir: