Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

A gran participación social nas actividades do 25N reforza as políticas de igualdade promovidas polo Concello

Aínda está aberto o prazo de inscrición para o obradoiro con Marina Marroquí que teremos o día 30. Se tes fillas ou fillos non debes faltar!

Xoves 25 de novembro do 2021

Dende o luns ata o xoves seguiron chegando as solicitudes de participación, polo que finalmente foron un cento os establecementos comerciais que participaron na campaña de sensibilización social contra a violencia de xénero impulsada dende a Concellaría de Igualdade arredor do 25N. A gran participación social, tanto do empresariado coma da veciñanza que asistiu á concentración do mediodía, do alumnado que traballou sobre igualdade nas aulas, ou das familias que se achegaron coa rapazada para desfrutar das actividades da Carretilla Violeta, que finalmente a choiva obrigou a celebrar no Mercado Municipal, reforzan as políticas de igualdade promovidas polo Concello.

A campaña “E ti, en que punto estás?” non só tinguiu de cor morada os escaparates e as redes sociais do comercio, e encheu de mensaxes a rúa Valle-Inclán, senón que acadou gran repercusión mediática. Todo iso contribúe a acadar o obxectivo de provocar a reflexión da cidadanía, e moi especialmente dos homes, e mesmo a axudar a detectar violencias machistas das que moitas veces non somos conscientes.

As mensaxes continuarán nas rúas polo menos ata fin de mes. O vindeiro luns, na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro, aprobarase a Declaración institucional do Concello de Carballo contra a violencia de xénero, cuxo texto leron de xeito coral concelleiras do BNG, o PP e o PSOE, na concentración deste xoves, despois de gardar un minuto de silencio polas vítimas que leva causado o machismo ao longo deste ano.

O día 30 teremos en Carballo a Marina Marroquí, educadora social, divulgadora, activista e especialista en violencia de xénero de referencia estatal. Se tes fillos ou fillas non podes faltar ao obradoiro que ofrecerá ás 20.00 horas no Pazo da Cultura. Inscríbete na ligazón que atoparás máis abaixo.

O día 30 tamén se celebrará de 09.15 a 14.30 horas unha xornada de formación para profesionais na que participarán a propia Marina Marroquí, para falar dende a perspectiva da vítima; os coordinadores das Quendas de atención psicolóxica e social as vítimas de violencia de xénero de Galicia, Rubén Villar Trenco e Nerea Fernández Gómez, e a avogada e vogal da Subcomisión de violencia sobre a muller do Consello Xeral da Avogacía Española, Beatriz Núñez Vázquez, que dará a coñecer as novidades sobre a asistencia letrada ás vítimas de violencia de xénero.

Ligazóns

Compartir: