Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

O obradoiro "Carballo Coida" permitirá formar a 20 alumnos/as en atención sociosanitaria a persoas dependentes

A Consellería de Emprego e Igualdade subvenciona o proxecto de formación e inserción laboral presentado polo Concello de Carballo con 363.446 euros

Sábado 11 de setembro do 2021

O Concello de Carballo formará a 20 alumnos/as en atención sociosanitaria a persoas dependentes no obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”, un proxecto de formación e inserción laboral impulsado dende a concellaría de Innovación, Formación e Emprego en coordinación coa de Igualdade e Benestar, e que permitirá paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores deste sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral.

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de comunicar a aprobación da solicitude de subvención aprobada polo Concello de Carballo no mes de febreiro para o desenvolvemento do proxecto. O departamento autonómico realizará unha achega de 346.946 euros para o financiamento da acción formativa, que se complementará con outra partida de 16.500 euros para 11 incentivos á contratación laboral.

Os obradoiros duais de emprego teñen a particularidade de que as persoas participantes reciben unha cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. A etapa de formación teórico-práctica ten 9 meses de duración, e dende o inicio o alumnado-traballador terá un contrato para a formación e aprendizaxe polo que percibirá unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional.

Para o desenvolvemento do proxecto, o Concello de Carballo ten como entidades colaboradoras a Afaber, Aspaber, Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Íntegro e o Centro de Día da Praza de Vigo.

Requisitos para participar

Os/as alumnos/as dos obradoiros duais de emprego deben ser estar inscritos/as como desempregados/as na oficina de emprego, ter 18 anos como mínimo, cumprir cos requisitos dun contrato para a formación e a aprendizaxe e posuír a titulación correspondente, que neste caso é certificado de competencias clave de nivel 2, ESO ou equivalente. As persoas que reúnan os requisitos e queiran optar a participar no obradoiro poden inscribirse no Servizo Público de Emprego, tanto de xeito presencial, solicitando cita previa, ou a través da Oficina de Emprego Virtual de Galicia.

Para a selección do persoal directivo, docente e administrativo realizarase unha convocatoria pública. As bases e datas daranse a coñecer nos vindeiros días, xa que o obxectivo é que a formación comece no mes de outubro no Fórum Carballo.

Compartir: