Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

A UDIAF de Bergantiños atendeu o ano pasado a 111 familias da comarca malia os tres meses de peche pola pandemia

O presidente da Asociación Galega de Atención Temperá presentoulles hoxe o informe da actividade ao alcalde e á concelleira de Igualdade e Benestar

Venres 10 de setembro do 2021

Jaime Ponte (centro), coa concelleira Maica Ures e o alcalde

Jaime Ponte (centro), coa concelleira Maica Ures e o alcalde

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños atendeu ao longo do ano 2020 a un total de 111 nenos e nenas da comarca. Debido a que o servizo permaneceu pechado durante tres meses polas restricións derivadas da pandemia provocada pola COVID-19, a cifra é algo inferior ás de anos anteriores. Dende que empezou a funcionar o servizo, a finais do ano 2014, foise reducindo a idade media de acceso dos nenos e nenas, que nos últimos dous anos sitúase nos 2,9 anos, e que, aínda así, é superior á dos outros dous centros xestionados pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) nas comarcas do Salnés e Deza.

A unidade de atención temperá presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento ós nenos de 0 a 6 anos, segundo regula o Decreto 183/2013 polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá. Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos dende outros servizos. A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito  dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: problemas evolutivos, afectivo- emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos.

Segundo consta na memoria de actividades, presentada hoxe polo presidente de AGAT, Jaime Ponte, nunha xuntanza coa concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, no ano 2020 foron atendidas 111 familias, o 61,9% residentes no noso concello, pero ao servizo acoden nenos e nenas dos sete concellos bergantiñáns. En total realizáronse 1.692 prestacións de apoio personalizado e 272 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. A demora asistencial continuou medrando, ao pasar dos 90 días do ano 2019 aos 152,46 no 2020.

Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha satisfacción global de 4,82 sobre un máximo de 5. Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza.

A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social. A súa sede está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo no antigo ambulatorio. Na actualidade a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de unha psicóloga, unha psicomotricista, unha logopeda e unha auxiliar administrativa. O servizo é público e gratuíto para as familias da comarca de Bergantiños. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410.

Compartir: