O Concello de Carballo colabora con Alcer nunha campaña anual para promover a doazón de órganos
A asociación dispón dun servizo de información e orientación para as veciñas e os veciños con enfermidade renal crónica
Martes 17 de agosto do 2021
Imaxe dun dos obradoiros celebrados no IES Isidro Parga Pondal
As mensaxes que podedes ver estes días nas redes sociais de Alcer forman parte dunha campaña anual promovida pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, coa colaboración do Concello de Carballo, “para fomentar a conciencia social e o compromiso en relación ao coidado da saúde renal e a doazón de órganos”. Esta é unha acción máis do proxecto “Alcer 7 vidas”, que, por un lado, trata de informar á poboación e promocionar a doazón de órganos e fomentar hábitos de vida saudables para o coidado da saúde renal, e, por outro, ofrece aos veciños e veciñas con enfermidade renal crónica a orientación que precisen sobre os recursos que lles pode proporcionar Alcer Coruña.
As actividades desenvólvense ao longo de todo o ano. No mes de marzo leváronse a cabo no IES Isidro Parga Pondal cinco obradoiros nos que participaron 118 alumnas e alumnos de 1º da ESO, en xuño instalouse na feira a primeira das dúas mesas informativas programadas para este 2021, e nestes momentos estase a desenvolver unha acción de difusión sobre a saúde renal e a doazón de órganos a través de Internet.
Dende Alcer tamén se está a prestar apoio ás persoas con enfermidade renal crónica do noso concello a través “dos seguimentos, de maneira presencial ou telefónica, establecendo a oportuna coordinación e/ou derivación cos Servizos Sociais do Concello de Carballo cando as características da intervención así o requiran”, segundo explican. Así mesmo, a campaña “Alcer 7 vidas” permite que carballesas e carballeses con enfermidade renal crónica participen nas actividades de promoción da doazón e dos hábitos de vida saudable que se desenvolven a pé de rúa ou nos centros educativos. O programa conta cunha subvención de 1.872,5 euros.