Presentación do almanaque do 2022: "Carballo. Guía ilustrada de arquitectura"
Mércores 1 de decembro do 2021 12.00 horas - Mercado Municipal
O 1 de decembro presentaremos o almanaque "Carballo. Guía ilustrada de arquitectura", que ao longo do ano 2022 permitiranos realizar un percorrido visual e histórico pola arquitectura civil, relixiosa, industrial, artística e popular do noso concello.
"Carballo. Guía ilustrada de arquitectura" é un proxecto de Xaime Díaz Alonso, autor da selección das obras, documentación, textos e láminas das plantas e alzados dos edificios seleccionados, delineados cun programa de deseño asistido por ordenador usado para o debuxo dixital en dúas dimensións. Ademais contou coa colaboración do arquitecto Diego Díaz Mosqueira, autor das fotografías do estado actual das obras recollidas, e da enxeñeira Clara Díaz Pan, no deseño gráfico, a maquetación e a portada da publicación.
O almanaque mostrará unha visión distinta, non só dos edificios máis antigos, senón tamén dos máis recentes, os elementos ornamentais e as intervencións nas rúas e nos espazos públicos urbanos. Os debuxos e as fotografías dos 12 edificios selecconados complétanse con fichas identificativas que inclúen denominación habitual, data do proxecto e realización, técnicos que traballaron na obra, localización na vila, e comentarios para facilitar a comprensión das condicións nas que as obras foron concebidas e logo executadas.
No acto de presentación, aberto ás persoas interesadas ata completar aforo, intervirán, ademais dos autores do calendario, a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, e o alcalde, Evencio Ferrero.