Evencio Ferrero participa na asemblea xeral do Eixo Atlántico
Mércores 10 de febreiro do 2021
O Eixo Atlántico celebra a súa primeira asemblea xeral online, unha modalidade de encontro en adaptación ás restricións nos municipios de Galicia e o norte de Portugal pola pandemia do coronavirus.
A primeira asemblea xeral do Eixo Atlántico do ano abordará as temáticas de tipo máis administrativo, coa aprobación dun orzamento de 3.989.828,51 euros para 2021, cuxo 84% será destinado a programas e actuacións, e o 16% restante a gastos administrativos e burocráticos.
Como novidade principal, e en relación coa crise económica e social provocada polo coronavirus, que afecta ás 35 entidades locais do Eixo Atlántico, a organización centrará o seu debate nas medidas de resiliencia das cidades para facer fronte aos novos cambios, en base aos catro eixos definidos na Conferencia de Alcaldes de Pontevedra do mes de setembro: economía, sostibilidade, innovación e social.
Na anterior estratexia aprobada polo Eixo, a primeira e única axenda urbana transfronteiriza homologada ante a Comisión Europea entrou en execución con motivo da anterior crise iniciada en 2008. O documento, que recolle o debate da Conferencia de Alcaldes de Pontevedra, adecúa a axenda urbana en vigor ao escenario post-Covid.
O Eixo Atlántico celebrará este ano con carácter excepcional unha segunda asemblea xeral de carácter político, que terá lugar no mes de xuño en Santiago de Compostela, en modalidade presencial, se a situación sanitaria así o permite.