O primeiro pleno do estado de alarma será telemático
Luns 25 de maio do 2020 20.30 horas
Por resolución da Alcaldía número 1114/2020, de 7 de maio, apreciada a concorrencia dunha situación de grave risco colectivo, consecuencia da crise sanitaria derivada da COVID-19, determinouse que, mentres se manteña o estado de alerta, as sesións dos órganos colexiados do concello se celebren a distancia por medios telemáticos. Por resolución da Alcaldía número 1203/2020, de 19 de maio, foi convocada sesión 04/2020 ordinaria do Pleno da Corporación que se celebrará de modo telemático este luns 25 de maio.
O desenvolvemento da sesión realizarase como nas sesións presenciais:
- Apertura da sesión. Lectura de cada punto da orde do día como habitualmente.
- Solicitude da palabra levantando a man de maneira visible polo concelleiro ou funcionario que o necesite.
- Votación a man alzada a pregunta do alcalde: 1º votos a favor, 2º votos en contra, 3º abstencións.
- Se algún dos concelleiros abandona a sesión voluntariamente manifestarao expresamente solicitando a palabra para que así conste na acta.
- En caso de desconexión involuntaria dalgún dos presentes, esperarase un tempo prudencial a que se restableza a conexión e se os técnicos informáticos así o aconsellan suspenderase polo tempo necesario.
- Durante a sesión estará pechado o micrófono agás cando se estea no exercicio da palabra.