Inicio O Concello Axenda institucional Luis Lamas expón a experiencia de...

Luis Lamas expón a experiencia de vermicompostaxe de Carballo nunha xornada sobre residuos que organiza a Fegamp

Mércores 9 de maio do 2018

O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, participa nas xornadas sobre a xestión da fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos (FORSU) que organiza a Fegamp na Cidade da Cultura de Santiago. A iniciativa vai dirixida a persoal ao servizo das Administracións públicas, cargos municipais e persoas interesadas na materia.

FORSU: Retos e oportunidades é o título da xornada, que será inaugurada ás 9.45 horas polo presidente da Fegamp, Alfredo García, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira. A primeira parte estará centrada no marco normativo e as perspectivas de xestión, aspectos que abordarán Verónica Tellado, subdirectora xeral de Residuos da Xunta; Javier Domínguez, presidente de Sogama; Jacobo Patiño, director do Complexo Medioambiental do Barbanza, e Javier Bobe, director da área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense.

A partir das 12.00 horas abordaranse distintas experiencias locais de xestión. Ademais da iniciativa de vermicompostaxe de Carballo presentaranse o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, o programa de compostaxe do Consorcio As Mariñas e a iniciativa Allariz Re.

Compartir: