Inicio O Concello Axenda institucional Evencio Ferrero asiste á gala de entrega...

Evencio Ferrero asiste á gala de entrega dos premios Youtubeir@s

Xoves 19 de abril do 2018 20.00 horas - Teatro Colón da Coruña

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participará na gala de entrega dos premios Youtubeir@s, que se celebra este venres ás 20.00 horas no Teatro Colón da Coruña.

Vinte e cinco finalistas escollidos polo xurado de entre os 230 participantes aspiran a recoller algún dos premios nunha gala conducida pola compañía A Panadaría, formada polas actrices Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro. A prestixiosa compañía teatral, que neste 2018 foi a gran triunfadora dos Premios de Teatro María Casares grazas á súa obra Elisa e Marcela, ofrecerá unha gala “arredor da xeración millennial e os contidos que se crean en internet, sempre dende o humor”, adiantan desde a organización. Deste xeito, A Panadaría ofrecerá así unha gala de entrega dos premios no que se mesturará “o humor, a música e o protagonismo d@s participantes” para “celebrar os contidos en galego” que están a agromar na rede a través de Youtubeir@s.

Esta gala forma parte do Proxecto Youtubeir@s, iniciativa ideada para promover e visibilizar o uso do galego en Internet, nomeadamente nunha das redes máis influentes do momento: Youtube. O proxecto está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e pola Deputación da Coruña. A entrada a este evento é gratuíta, pero cómpre recoller convite ben no propio Teatro Colón, ben no web www.ataquilla.com.

Compartir: