Inicio O Concello Axenda institucional A concelleira de Igualdade e Benestar participa...

A concelleira de Igualdade e Benestar participa na asemblea do Fondo Galego de Cooperación

Mércores 21 de marzo do 2018 11.00 horas - Fegamp

A concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, participará este mércores 21 de marzo en Santiago de Compostela na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Carballo. Na xuntanza, que dará comezo ás 11.00 horas na sede da Fegamp, someteranse a aprobación as liñas de acción para o ano en curso, tras recoller as achegas realizadas polo persoal técnico nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria.

O Plan de Actividades 2018 contempla catro áreas: fortalecemento da asociación, sensibilización da veciñanza fronte as desigualdades, proxectos de cooperación internacional e comunicación. Deste xeito, está previsto continuar captando novas administracións socias e seguir ofertando actividades de educación para o desenvolvemento, como espectáculos musicais e teatrais, co apoio de unidades didácticas como novidade, ou novas exposicións sobre Mozambique, as persoas refuxiadas e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, con innovacións no formato.

En canto á cooperación internacional, afondarase nas intervencións en Mozambique, a onde ademais se enviará unha misión político-técnica. Executaranse asemade os proxectos financiados a ONGD galegas en Guatemala, Honduras e Guinea-Bissau, alén de participar nunha iniciativa europea para consolidar o proceso de paz en Colombia. Tamén se manterá a dobre vertente do programa de voluntariado internacional e cooperación técnica Vacacións con Traballo.

O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, abrirá a xuntanza da Asemblea Xeral expoñendo o informe de situación, tras o que a tesoureira e concelleira en Pontevedra, Anxos Riveiro, presentará o balance económico de 2017. Ratificaranse a continuación as altas de novos concellos socios e a Secretaría explicará tamén tanto o Plan de Actividades 2018 como o proceso de elaboración do IV Plan Director da Cooperación Galega.

Compartir: