O concelleiro Luis Lamas presenta en Valladolid a experiencia dobre de compostaxe doméstica e vermicompostaxe de Carballo
Martes 20 de febreiro do 2018
Despois da participación na xornada técnica organizada pola Fundación Humana en Oviedo o pasado mes de novembro, Carballo volverá a representar a Galicia nunha xornada sobre economía circular, nesta ocasión promovida pola Consellería de Fomento e Medio Ambiente da Junta de Castilla y León a través da Fundación Patrimonio Natural, desde a cal manifestaron moito interese en coñecer a dobre experiencia de vermicompostaxe e compostaxe doméstica que ten en marcha o noso concello.
Deste xeito, o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, participa o día 22 en Valladolid na xornada titulada Economía circular y bioeconomía: cerrando el círculo de la materia orgánica, na que compartirá experiencias con representantes de administración de ámbito estatal e autonómico, investigadores, expertos e empresas que traballan para darlles unha segunda vida a distintos produtos.
O caso de Carballo, pioneiro en Galicia, está a espertar moito interese nos foros, cada vez más amplos, que apostan pola economía circular, pero tamén polos medios de comunicación, como amosa a reportaxe sobre o novo proceso de vermicompostaxe gravada pola Televisión de Galicia no Horto Infantil Ecolóxico Municipal que podedes ver na seguinte ligazón: http://www.crtvg.es/informativos/carballo-implanta-a-vermicompostaxe-en-fogares-hortos-escolares-ou-centros-de-ensino-3630328