Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

Carballo conmemorará o 50º aniversario da casa do concello cun acto aberto a toda a veciñanza

Celebrarase o 15 de novembro e contará coa participación do arquitecto que deseñou o edificio, inaugurado no 1974, e de funcionarios da época

Venres 1 de novembro do 2024

O 2 de febreiro de 1974 foi inaugurada, nun acto multitudinario, a actual casa do concello de Carballo. O edificio, que foi testemuña das últimas rabexadas do franquismo, da Transición e de toda a nosa historia democrática, conmemorará o seu 50º aniversario cun acto organizado pola Concellaría de Participación Veciñal e aberto a toda a cidadanía.

O evento celebrarase o 15 de novembro, ás 20.00 horas, no salón de sesións, coa presenza da corporación municipal, traballadores/as e veciños/as que desexen participar, ata completar a capacidade do espazo. Como símbolo do profundo cambio experimentado nestes cincuenta anos pola administración a todos os niveis, e especialmente no eido tecnolóxico, ese mesmo día estrearase o sistema de vídeo actas para os plenos, que tamén permite a gravación e retransmisión en directo.

O concelleiro de Participación Veciñal, Daniel Pérez, será encargado de abrir o acto, xunto cos únicos funcionarios que viviron o traslado do antigo edificio ao actual, Sofía Pérez Alonso, que formou parte do persoal do Concello de Carballo ata a súa xubilación, e José María Ameijenda Cuns, que era interventor municipal naquela época e que se xubilou no 2015 como interventor xeral do Parlamento de Galicia.

A intervención central correrá a cargo de José Manuel Rey Pichel, arquitecto carballés que deseñou a casa do concello, que foi decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, profesor da Escola de Arquitectura, concelleiro na Coruña, director técnico do solo do IGVS, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, entre outros cargos, e que relatará de primeira man o proceso que culminou coa construción do edificio.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pechará os relatorios, e o acto rematará coa actuación da Orquestra de Corda do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo e uns petiscos para as persoas asistentes.

A partir dese mesmo día poderá verse nas oficinas xerais, situadas no primeiro andar do edificio, un panel expositivo sobre a historia do edificio.

Compartir: