Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

Clausurada a primeira edición da Universidade Sénior con moi boas valoracións e un compromiso de continuidade

A vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da UDC, a directora e a adxunta á dirección da Universidade Sénior e o alcalde entregaron os diplomas

Mércores 13 de decembro do 2023

Nos vindeiros días coñeceremos os resultados das enquisas que foi cubrindo o alumnado da Universidade Sénior ao remate de cada un dos tres módulos impartidos nesta primeira edición do Programa de democratización do coñecemento, pero os primeiros datos indican que a valoración é moi boa.

O martes rematou o programa universitario para maiores de 50 anos que puxo en marcha a Universidade da Coruña coa colaboración do Concello de Carballo e o financiamento da Xunta de Galicia. Para o alumnado foi unha xornada intensa, xa que pola mañá celebrouse a saída de campo polo Bosque do Añón que non puidera levarse a cabo na data prevista inicialmente por mor do mal tempo, e pola tarde tivo lugar no auditorio do Fórum Carballo, sede local da Universidade Sénior, a entrega de diplomas ás persoas participantes.

No acto interviñeron a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez Veiga; a directora da Universidade Sénior, Matilde García, e maila adxunta á Dirección da Universidade Sénior, Susana Iglesias Antelo, ademais do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Ámbalas dúas partes –UDC e Concello- coincidiron no positiva que resultou a experiencia e reiteraron o compromiso de mantela no tempo.

Un total de 68 alumnos e alumnas maiores de 50 anos inscribíronse para participar ao longo dos meses de outubro e novembro no programa formativo, que constou de doce accións formativas –nove teóricas e tres prácticas- divididas en tres módulos: arte e patrimonio, ciencia e tecnoloxía, e saúde e benestar.

Compartir: