30 DE XUÑO, 1 E 3 DE XULLO
Chega a Carballo a campaña “Xeración D” para axudar á veciñanza a mellorar as súas habilidades dixitais
Todas as actividades suman puntos e permitirán que o noso concello compita a nivel estatal por acadar o premio final
Venres 30 de xuño do 2023
O autobús da Xeración D está situado entre o edificio do concello e o do mercado
A campaña Xeración D, promovida por RTVE dentro do Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia, chega a Carballo co fin de desenvolver e mellorar as competencias dixitais da cidadanía, aprender a sacar partido das oportunidades da dixitalización e coñecer novas ferramentas.
As persoas que se acheguen ata a unidade móbil que estará instalada na Praza do Concello os días 30 de xuño, 1 e 3 de xullo poderán poñer a proba os seus coñecementos na materia a través dunha experiencia dixital inmersiva. Buscadores da internet, redes sociais, ciberseguridade, xestións en liña… A dixitalización forma parte do día a día. Por iso, esta experiencia, pensada para todos os públicos, ofrece aos usuarios multitude de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais.
As actividades son totalmente gratuítas, teñen unha duración aproximada duns 30 - 40 minutos e están pensadas para toda a cidadanía, con especial atención a persoas desempregadas ou maiores. O horario de atención ao público é de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 21.00, agás o 3 de xullo, que será de 10.00 a 13.30.
Que actividades se realizan?
- Un test autodiagnóstico, que permitirá coñecer o nivel de cada persoa en competencias dixitais. Cos resultados obtidos, o persoal da campaña personalizará a experiencia e porá a disposición dos participantes cursos, formacións ou obradoiros orientados a desenvolver e fortalecer os seus coñecementos.
- Ponte a proba! Co resultado do test, o visitante enfrontarase a xogos e actividades variados e de todos os niveis: dende aprender a realizar unha procura óptima na internet ata fuxir das fake news, optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a identidade dixital.
- Sala de escape. Unha actividade inmersiva na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido para resolver o xogo e lograr saír da sala.
Todas as actividades suman puntos e permitirán que Carballo compita con localidades de todo o Estado por acadar o primeiro posto e gañar así a un premio.