O Concello de Carballo inicia unha nova campaña de trampeo da avespa velutina en colaboración cos apicultores
A presentación da iniciativa tivo lugar no Fórum Carballo, aproveitando a celebración da asemblea xeral da Asociación Galega de Apicultura (AGA)
Mércores 8 de marzo do 2023
O Concello de Carballo foi pioneiro en Galicia ao poñer en marcha no ano 2017 a primeira campaña de trampeo da avespa velutina. Coincidindo co comezo do mes de marzo vén de arrincar a deste ano, na que novamente contamos coa axuda dos apicultores e apicultoras do concello. Precisamente, e dado que esa colaboración se mantén dende a primeira edición, aproveitamos a asemblea xeral da Asociación Galega de Apicultura (AGA), que se celebrou esta fin de semana no Fórum Carballo, para presentar a campaña 2023.
O ano pasado participaron 201 veciñas e veciños, que axudaron a distribuír polo territorio un total de 1.255 trampas, o que permitiu capturar 20.095 avespas. Unha das características da campaña de trampeo é que está aberta a toda a cidadanía, polo que poñemos á vosa disposición tanto as trampas como líquido atraente. Se queres sumarte só tes que achegarte ata a oficina da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Plaguiber, na rúa Brasil, número 27.
Aínda que acabar coa avespa velutina semella unha misión imposible, reducir a poboación de avespas e as súas consecuencias é posible grazas a estas campañas anuais, ás que cada vez se van sumando tamén máis concellos, o que fai posible que o traballo sexa máis efectivo, xa que as avespas non entenden de límites xeográficos.
Dende o Concello de Carballo queremos agradecer a implicación da cidadanía na loita contra unha especie invasora que está a minguar a produción local de mel e de froita. A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. O Servizo Municipal de Control de Pragas xa ten distribuídas tamén trampas por todas as zonas verdes, e, de feito, este domingo xa foi capturada a primeira.
En canto aos niños que poidan ir aparecendo, lembra que os avisos deben realizarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.