Continúan as adhesións ao programa "Actívate", que chegará nas vindeiras semanas a Vilela, A Brea, Cances e Bértoa
Hoxe remataron as actividades en Aldemunde cun taller de primeiros auxilios e a proxección do vídeo "Carballo levámolo dentro"
Mércores 15 de febreiro do 2023
Evencio Ferrero agradeceu a gran participación da veciñanza de Aldemunde
O programa Actívate está conseguindo moi boa aceptación nos lugares polos que está pasando, e cada vez son máis os consellos parroquiais e as asociacións que queren sumarse a esta iniciativa municipal. Hoxe remataron as actividades en Aldemunde cunha charla sobre primeiros auxiliios no fogar impartida por Javier Souto, coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil, e Sabino Menéndez, voluntario de Protección Civil e bombeiro no parque comarcal de Carballo. Pero a veciñanza xa amosou o seu interese en continuar con este tipo de propostas, que nesta ocasión organizáronse en colaboración coa asociación de veciños de Aldemunde de Arriba.
O alcalde, que se achegou ata Aldemunde xunto co concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, agradeceu a gran participación da veciñanza en todas as actividades. Todos os días xuntáronse no centro social entre 14 e 19 veciños e veciñas dos 83 que ten a parroquia, unha resposta que Evencio Ferrero valorou de xeito moi positivo. Ademais de aprender sobre primeiros auxilios ou seguridade viaria, tamén se achegou á veciñanza información sobre compostaxe, e, de feito, na sesión da semana pasada tramitáronse seis altas no programa de compostaxe doméstica.
Precisamente, as persoas participantes na charla da semana pasada son tamén as que participaron na gravación do vídeo Carballo levámolo dentro, e hoxe puideron velo nunha gran pantalla colocada para a ocasión no centro social. A proxección do vídeo, que fai un percorrido por todas as parroquias, rematou cos aplausos dos asistentes.
Próximas citas
A parroquia de Aldemunde xa ten relevo, porque esta mesma semana arrincou tamén o programa Actívate en San Miguel de Vilela co curso de manexo do teléfono móbil, e tamén están previstas charlas-taller sobre seguridade peonil (27 de febreiro), compostaxe doméstica (6 de marzo) e primeiros auxilios no fogar (13 de marzo), todas ás 17.00 horas.
E tamén temos datas para activar o barrio de A Brea, onde haberá curso de móbil os días 8, 14 e 15 de marzo, e charlas sobre seguridade viaria, compostaxe e primeiros auxilios os días 16, 23 e 30. As persoas que queiran participar no curso dos teléfonos poden anotarse ou ben a través da Asociación Cultural Mestra Carmen Cancela ou ben no enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal.
Entre marzo e abril tamén se desenvolverán charlas e talleres nas parroquias de Cances e Bértoa.