Unha visita a varios puntos de compostaxe de Carballo puxo fin ao curso profesional organizado por Amigos da Terra
O alcalde e o concelleiro de Servizos acompañaron ás persoas participantes na xornada de clausura
Venres 14 de outubro do 2022
Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse ata o Fórum
Persoas procedentes de toda Galicia participaron no curso de mestría en compostraxe organizado en Carballo pola ONG Amigos da Terra, dentro do programa Empleaverde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e co financiamento do Fondo Social Europeo e a colaboración do Concello. Hoxe rematou o período formativo cunha visita a varios puntos de compostaxe situados no noso concello, entre eles o do horto de aromáticas da Escola Municipal de Hostalaría do Fórum Carballo, que recupera a súa actividade co curso de cociña que se imparte dentro do obradoiro dual de emprego Fórum Dual, e os do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, acompañaron ao alumnado nesta xornada de despedida.
A visita a Carballo concluíu no Horto Infantil Ecolóxico Municipal
O curso, gratuíto, está destinado a persoas desempregadas, e precisamente ten como finalidade fomentar a creación de emprego nun sector con gran proxección de futuro. A titulación en Mestría en compostaxe, que empeza a ser xa recoñecida no sector ambiental de todo o estado, supón por unha banda unha alternativa real de emprego para persoas en situación de especial vulnerabilidade, tales como mulleres, persoas entre 35 e 45 anos, residentes en zonas rurais e/o áreas protexidas, persoas migrantes, persoas con diversidade funcional, entre outros colectivos. E, por outro, permite ofrecer solucións á problemática ambiental na xestión de residuos, cumprindo coa obrigatoriedade de recoller de maneira separada a fracción orgánica dos residuos municipais e xestionala preferentemente mediante compostaxe.
Neste sentido, tanto dende Amigos da Terra como por parte das persoas participantes púxose en valor o esforzo que vén realizando o Concello de Carballo, que a día de hoxe é un dos concellos galegos onde a experiencia da compostaxe está máis avanzada e conta como maior implantación. “Aínda estamos lonxe de acadar os obxectivos previstos na directiva europea, pero levamos andado moito máis camiño que a maior parte dos concellos”, indicou o alcalde.
A formación constou de 48 horas, divididas en 8 módulos en liña e 16 módulos de prácticas presenciais, ao longo das cales abordouse o ciclo completo de xestión da fracción orgánica dos residuos. O de Carballo foi o segundo curso organizado en Galicia, e incluíu visitas ás plantas de compostaxe de Santiago e Lousame.