Carballo acollerá este mes dúas charlas do Instituto Galego de Consumo sobre os nosos dereitos como consumidores/as
O día 7, no Fórum, coñeceremos mellor os produtos e servizos financeiros, e o día 14, na Biblioteca Rego da Balsa, falaremos do recibo da luz
Domingo 2 de outubro do 2022
O Concello de Carballo colabora co Instituto Galego de Consumo para facer chegar á cidadanía a información necesaria sobre os dereitos que temos como clientes das entidades financeiras ou das compañías eléctricas e sobre a importancia de facelos valer. Con esa finalidade, para este mes de outubro están previstas dúas charlas, dirixidas a persoas maiores de 18 anos, nas que poderemos escoitar, preguntar e opinar sobre produtos financeiros e sobre a factura da luz.
A primeira xornada está prevista para este venres 7, ás 11.00 horas, no auditorio do Fórum Carballo, onde se falará sobre produtos financeiros. Porque cada vez son máis os produtos e os servizos que nos ofrecen os bancos e outras entidades de crédito, e resulta fundamental coñecer as súas características básicas para poder elixir mellor e evitar o risco de endebedamento. Así, na charla falarase sobre as comisións bancarias, as diferenzas entre tarxetas de débito e crédito, os créditos rápidos... e ofreceranse os recursos, os coñecementos e as estratexias precisos para que poidamos decidir con responsabilidade.
O día 14 cambiamos de tema e tamén de escenario, porque falaremos sobre a factura eléctrica nunha charla que se celebrará no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa. O que non cambia é a hora, porque tamén empezará ás 11.00. Nestes momentos, un dos principais gastos dentro da economía doméstica é o destinado ao pago da factura da luz. Por iso, o persoal do Instituto Galego de Consumo facilitará ás persoas asistentes os coñecementos básicos para comprender a factura eléctrica, para adoptar medidas de aforro e para, se é preciso, realizar unha reclamación. Será unha charla moi interesante, na que se explicará que é o mercado regulado e o mercado libre, cales son as comercializadoras de referencia, conceptos como potencia, ICP ou CUPS, tipos de tarifas e de contadores...
As dúas charlas son de máximo interese para a veciñanza, e por iso tanto o Fórum Carballo como a Biblioteca Rego da Balsa abrirán as súas portas a todas as persoas interesadas.