Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

DO 7 DE OUTUBRO AO 14 DE NOVEMBRO

"Actívate no outono", un programa de actividades para persoas adultas que nace en Imende con vocación itinerante

A organización das actividades é froito da colaboración entre o Concello e o Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos

Sábado 1 de outubro do 2022

Centro social de Imende (Noicela)

Centro social de Imende (Noicela)

A rolda anual de consellos parroquiais rematou esta semana, pero esta canle de participación veciñal que tan bos resultados está a dar á hora de planificar as actuacións máis necesarias en cada lugar vai un paso máis alá grazas á iniciativa do Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos para ofrecer aos habitantes destas dúas parroquias unha serie de actividades que contribúan a fomentar as relacións de boa veciñanza ao tempo que achegan oportunidades de formación, información ou aproveitamento do tempo de ocio con propostas específicas para a poboación adulta.

Deste xeito, e froito da colaboración entre o Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos e o Concello de Carballo nace o programa Actívate no outono, que nesta edición inaugural desenvolverase do 7 de outubro ao 14 de novembro no centro social de Imende, pero que ten vocación itinerante e está aberto ás propostas que poidan chegar dende calquera outra parroquia.

O programa recolle actividades de todo tipo. Arrincará o venres 7 coa inauguración dunha exposición fotográfica da Federación Galega de Submarinismo na que poderemos descubrir tesouros agochados nos nosos fondos mariños. A mostra, que permanecerá aberta durante todo o mes, complementarase na xornada inaugural cunha charla explicativa do presidente da federación, Javier Núñez.

sábado 8 chegará ao centro social de Imende o baile para maiores, cunha sesión de música en directo amenizada polo dúo Marineda.

A seguinte actividade será o venres 21 de outubro. Neste caso abordarase a problemática dos parques eólicos, un tema no que a veciñanza destas dúas parroquias ten amosado gran interese e sobre o que quería ter unha opinión experta. Para abordalo contaremos con Fins Eirexas, xeólogo e secretario técnico de Adega, que abordará A problemática do desenvolvemento eólico no rural galego. No seu relatorio falará do marco normativo e da perspectiva histórica, dos impactos ambientais e socioeconómicos dos parques eólicos e das propostas de mellora tanto en modelos de implantación como a nivel de contratos ou acordos.

Actívate no outono continuará o venres 4 de novembro cunha sesión teórico-práctica de primeiros auxilios no fogar impartida por persoal do Servizo Municipal de Protección Civil, e rematará o venres 18 con outra xornada teórico-práctica sobre compostaxe doméstica.

Agás o baile, que será de 18.00 a 21.00 horas, todas as actividades comezarán ás 19.00 horas e están abertas non só ás veciñanza de Noicela e Rebordelos, senón de calquera outra parroquia.

Compartir: