Os consellos parroquiais volveron despois do parón estival cunha concorrida xuntanza en Oza
A principal demanda da veciñanza é a construción dunha senda peonil na estrada provincial
Mércores 7 de setembro do 2022
O consello parroquial de Oza reuniuse este martes
Despois do parón estival, os consellos parroquiais retomaron a súa actividade cunha concorrida xuntanza en Oza. A principal demanda da veciñanza é a construción dunha senda peonil na estrada provincial para solucionar os problemas de inseguridade viaria na zona do centro social. O alcalde, Evencio Ferrero, explicou que a demanda está trasladada á Deputación da Coruña dende hai tempo, e que, de feito, o organismo provincial comprometeuse a enviar un equipo técnico para ver as posibles solucións. Pero, dado que esa visita aínda non se produciu, o alcalde comprometeuse a “insistir para que veñan canto antes”, ao tempo que, como demandou o consello parroquial, dende o Concello solicitarase unha reunión entre representantes provinciais e veciñanza.
Na sesión celebrada este martes tamén se preguntou por parte das persoas asistentes sobre a tala de árbores no adro da igrexa, unha cuestión na que non interveu o Concello, por tratarse dunha propiedade privada, se ben existe constancia de que houbo unha inspección do Seprona.
Así mesmo, interesáronse polas distancias que deben gardar as árbores con respecto ás estradas e ás vivendas como consecuencia da lei de prevención de incendios. O consello parroquial ofreceuse a recoller os casos de incumprimento e trasladalos ao Concello de Carballo.
O arranxo dalgúns treitos de vías ou a extensión das redes de auga e saneamento a vivendas e núcleos illados que carecen delas foron outros temas abordados na xuntanza, xunto coas alegacións ao parque eólico do Monte Neme ou a creación da comunidade de montes de Oza. Con respecto a esta última, o obxectivo é buscar alternativas ao modelo actual de aproveitamento forestal de xeito coordinado con outras comunidades de montes e que a veciñanza recupere os terreos dos que se apropiou o Estado durante a ditadura. Nese sentido, o alcalde amosou a disposición do goberno municipal a realizar as cesións, e con ese obxectivo celebrarase unha xuntanza entre ámbalas partes.
Unha das cuestións que estaban pendentes de sesións anteriores, a colocación de bancos na nova praza da festa, tamén se solucionará en breve. A veciñanza decidirá a situación dos bancos, que xa están listos, e tamén se replantarán varias árbores.