O goberno municipal informou á veciñanza de Baldaio sobre as alegacións presentadas aos proxectos eólicos
Ata o 1 de setembro está en exposición pública o proxecto da liña de alta tensión dos parques eólicos Monteagudo e Pedra Queimada
Domingo 14 de agosto do 2022
A reunión celebrouse no Centro Social de Imende
A concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, Milagros Lantes, e o portavoz do goberno municipal, Xosé Regueira, acudiron o venres a unha xuntanza coa veciñanza de Baldaio para expoñer, a petición dos propios veciños e veciñas da zona, as xestións realizadas dende o Concello de Carballo con respecto aos proxectos dos parques eólicos que están en tramitación e que afectan a esa zona tan sensible do territorio municipal. A reunión celebrouse no Centro Social de Imende (Noicela).
Nestes momentos a Consellería de Economía, Industria e Innovación está a tramitar o proxecto para a liña de alta tensión de 66 kV destinada a evacuar a enerxía xerada nos parques eólicos Monteagudo e Pedra Queimada, que prevé a construción dunha liña de 13.722 metros ao longo dos municipios de Arteixo, A Laracha e Carballo, e que no noso concello constaría dun treito soterrado de 46 metros e doutro aéreo de 1.936 metros. O período de información pública remata o 1 de setembro, polo que as persoas interesadas poden consultar a documentación pinchando aquí.
O Concello de Carballo xa ten presentado alegacións a este proxecto, así como a todos os proxectos de parques eólicos que afectan ao noso concello, como apuntou Milagros Lantes, e que son os seguintes: Bustelo, Campelo-Mesón, Pedrabante, Orzar e Tornado, Monteneme e Monteagudo.
No caso concreto da zona de litoral, o mes pasado rexistráronse unha decena de alegacións ao proxecto do parque eólico Monteagudo, que afecta aos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo, e que prevé a instalación no noso concello de 4 aeroxeradores de 125 metros de altura e 149 de diámetro de rotor, 4 centros de transformación montados dentro das torres dos aeroxeradores, unha subestación eléctrica que se conectaría a unha nova liña de alta tensión de 66 kV, rede eléctrica, de comunicación e de terras, e un edificio de control de 600 metros cadrados de superficie.
Aínda que non afecta directamente ao noso concello, tamén se emitiu informe sobre o proxecto do parque eólico Pedraqueimada, que se situará en Arteixo e A Laracha e cuxa afección a Carballo limítase á subestación eléctrica de Monteagudo, que é obxecto doutro proxecto independente.
En abril tamén se alegou dende o Concello contra o proxecto do parque eólico Monte Neme, que prevé a instalación no noso concello de 4 aeroxeradores, 4 centros de transformación, unha torre meteorolóxica de 115 metros, unha subestación e redes eléctrica, de comunicación e de terras.
O goberno municipal de Carballo quixo deixar claro que o Concello non se opón á enerxía eólica, senón todo o contrario, xa que debemos apostar por fontes de enerxía renovables, pero non a calquera prezo nin en calquera lugar. Os representantes municipais instaron á veciñanza a presentar alegacións e a facelo con criterios técnicos que xustifiquen ese rexeitamento. Así mesmo, quedaron comprometidos en trasladar á veciñanza calquera información que chegue ao Concello con respecto aos proxectos eólicos.