A Escola Ambiental Senda Nova-Concello de Carballo pechou a súa décima edición cun novo éxito de participación e sensibilización medioambiental
Mércores 6 de xullo do 2022
Acto de clausura no Espazo da Natureza de Oza
A décima edición da Escola Ambiental Senda Nova-Concello de Carballo vén de rematar cun novo éxito de participación pero tamén de sensibilización medioambiental dos 30 nenos e nenas participantes.
O Espazo da Natureza de Oza converteuse no punto de encontro e de celebración de rapazada, familias e representantes municipais. A Asociación Ambiental Senda Nova agradeceu unha vez máis a colaboración do Concello de Carballo nesta actividade, que vimos apoiando dende a súa primeira edición co obxectivo de promover entre os carballeses e as carballesas do mañá o respecto polo patrimonio natural e cultural, a solidariedade, o traballo en equipo e a necesidade de avanzar cara un futuro máis sostible.
Entre as actividades desenvolvidas para acadar eses obxectivos figuran sesións de contacto coa natureza a través de visitas a espazos de interese natural coma Baldaio ou a Ribeira da Pena, pero tamén de pernoctas en tenda de campaña, visitas a granxas ou xornadas de achegamento ao patrimonio arqueolóxico, entre moitas outras. Na galería inferior veredes algunhas delas.