A mellora da estrada provincial de acceso a Pedra do Sal é a prioridade do Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos
Evencio Ferrero informou á veciñanza de que se está elaborando o proxecto de expropiación para poder iniciar os trámites
Venres 27 de maio do 2022
Para o Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos, que celebrou este xoves 26 a primeira xuntanza dende o inicio da pandemia, a prioridade segue a ser a mellora e ampliación da estrada provincial de acceso á praia da Pedra do Sal. A demanda vén de tempo atrás, pero non foi posible materializala porque non se conseguiu a cesión da totalidade dos terreos afectados, como esixía a Deputación da Coruña. Tras o cambio de criterio do organismo provincial, que opta agora pola vía da expropiación, a solución podería estar máis próxima. O alcalde, Evencio Ferrero, informou á veciñanza de que nestes momentos está a elaborarse o proxecto de expropiación, que podería estar listo este mesmo verán para poder iniciar a tramitación e desbloquear esta vella aspiración da veciñanza e do propio Concello de Carballo.
Entre os temas comúns ás dúas parroquias tamén se solicitou información sobre o estado da tramitación do Plan Especial da Pedra do Sal. O alcalde explicou que o documento xa superou o período de exposición pública, durante o cal realizáronse 6 sesións informativas coa participación dunhas 120-130 persoas, e que nestes momentos o equipo redactor está elaborando o informe das alegacións presentadas. Cando estea listo, engadiu Evencio Ferrero, será trasladado aos portavoces dos grupos municipais e remitirase á Xunta de Galicia, que é o organismo que debe realizar a aprobación definitiva.
Tamén depende da Xunta, segundo o compromiso adquirido co Concello de Carballo, a elaboración do proxecto que permitirá completar as redes de auga e saneamento na zona de Baldaio. Aínda que o documento non está pechado, estímase que o orzamento podería superar os 3 millóns de euros, polo que, de non contar coa colaboración de Augas de Galicia para acometelo, o Concello realizaríao por fases, como se veu facendo o despregue da rede dende Carballo ata Oza, Razo, Lema e Pedra do Sal.
Sobre esta última actuación, algunhas das persoas asistentes interesáronse polos enganches. Evencio Ferrero sinalou que aqueles que se corresponden coa cesión dunha traída veciñal anterior poderán realizarse “nun prazo moi breve”, e que tamén se agarda atender o antes posible as 138 solicitudes restantes que se recibiron ata o momento. O alcalde indicou que as persoas interesadas poden seguir tramitando as peticións de enganche.
Outras peticións
A mellora de varias pintas, a instalación de puntos de luz, a limpeza de vías e a mellora da seguridade viaria centraron diversas demandas do Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos, tanto de xeito conxunto coma individual.
A maiores, en Noicela seguen pendentes outras demandas veciñais como a creación dun aparcadoiro nas inmediacións da igrexa. Dado que non se conseguiu a cesión dun terreo por parte do Arzobispado, os representantes veciñais buscarán alternativas. Como se está a facer en todas as parroquias, a adquisición realizaríase ao 50% entre a veciñanza e o Concello. Tampouco hai terreo aínda para o parque infantil da Imende, xa que por parte da parroquia non se escolleu emprazamento. Ás dúas opcións iniciais vén de sumarse outra, segundo explicaron no Consello Parroquial, polo que antes de tomar a decisión final valorarase por parte da cidadanía.