A Comisión de Toponimia da Real Academia Galega propón, tras un minucioso estudo, a utilización do topónimo Verdillo
O informe, solicitado polo Concello de Carballo por iniciativa do Consello Parroquial, presentouse onte na primeira xuntanza veciñal dende a pandemia
Venres 20 de maio do 2022
Consello Parroquial de Verdillo
Dende a súa constitución no ano 2017, o Consello Parroquial de Verdillo decidiu utilizar o topónimo con V, materializando deste xeito unha reivindicación moi estendida na parroquia. Pero o feito de que esa decisión chocase coa nomenclatura oficial da parroquia, Berdillo, fixo que no 2018 se presentase por parte do Consello Parroquial unha proposta para investigar a orixe do nome e poñer fin á histórica discusión. O Concello de Carballo trasladou a solicitude á Comisión de Onomástica da Real Academia Galega, e este xoves, na primeira xuntanza do Consello Parroquial de Verdillo dende a recepción do informe, fíxose pública a conclusión: non é Berdillo senón Verdillo.
Esa conclusión é consecuencia dun pormenorizado estudo realizado por membros da Comisión de Onomástica, e asinado por Xosé María Lema Suárez, que se remontaron á primeira metade do século XV na súa investigación para determinar a grafía correcta. A Real Academia Galega explica que “na Idade Media o uso de b/v adoita ser etimolóxico, ata que a finais da Idade Media desapareceu a diferenza fonolóxica entre eses dous sons” e os topónimos empezan a aparecer coas dúas grafías indistintamente. “A grafía de b ou v só é indicativa do étimo se aparece consistentemente na Idade Media”, din os expertos, e deste xeito estaría xustificada a forma Verdillo.
Na nova sinalización xa se utiliza Verdillo
Din os académicos, sen embargo, que a asociación do topónimo coa palabra verde non está demostrada, “dado que non é clara a orixe lingüística da última parte da palabra, presente noutros topónimos escuros como Arillo ou Perillo”. Mantense, polo tanto, parte do misterio sobre este nome de lugar, pero desvélase cal debe ser a grafía correcta, algo que a veciñanza valorou como moi positivo na xuntanza deste xoves.
Agora falta oficializar o cambio. Neste sentido, o propio secretario da RAG, Henrique Monteagudo, sinala no seu informe: “A toponimia de Galicia, segundo o Estatuto de Autonomía, é competencia da Xunta de Galicia. A Real Academia Galega, neste ámbito, asesora ao goberno autonómico e, no seu momento, propoñerá que este topónimo se escriba con V. Pero ata que a Xunta de Galicia acepte esta proposta académica e a inclúa no Nomenclátor de Galicia revisado, a forma oficial segue a ser Berdillo”.