Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O CCA Carballo e Vázquez y Reino volven a colaborar para dinamizar a actividade comercial durante o Nadal

A empresa construtora financia a instalación dunha “casiña de conto” que abrirá as súas portas o día 9 para toda a rapazada

Xoves 2 de decembro do 2021

O Nadal xa está aquí. En Carballo comezará mañá co tradicional acendido do alumeado ás 18.15 horas na Praza do Concello, pero a partir da vindeira semana sucederanse as actividades lúdicas e culturais destinadas, sobre todo, á rapazada. Como é habitual, o empresariado local implícase especialmente nestas celebracións, e o convenio asinado hoxe entre o Centro Comercial Aberto e Vázquez y Reino é unha boa mostra. A empresa construtora, que xa o ano pasado colaborou na dinamización dos sectores comercial e hostaleiro co sorteo de seis premios por valor de 3.000 euros, multiplica nesta ocasión a súa achega e asume o financiamento íntegro da instalación dunha “casiña de conto”, como a definiu o presidente do CCA, Germán Riveiro, que vai compartir espazo na Praza do Concello coa árbore luminosa e con outras propostas municipais que pronto daremos a coñecer.

A colaboración entre o CCA e Vázquez y Reino formalizouse hoxe na Alcaldía mediante a sinatura dun convenio para os vindeiros tres anos. A empresa construtora achega 10.000 euros para a instalación da casiña, “unha iniciativa moi ambiciosa e bastante custosa que nós sos non iamos poder asumir”, apuntou o presidente dos comerciantes.

Diego Vázquez: "Para nós tamén é un motivo de satisfacción poder colaborar axudando, na medida en que podemos, a Carballo e ao comercio de proximidade, que tan mal o pasou durante a pandemia"

Diego Vázquez reiterou o compromiso social de Vázquez y Reino con Carballo, o concello onde ten a súa sede e onde tamén quere contribuír non só á transformación física, a través das obras que leva a cabo, senón tamén á transformación social. “A nosa política de RSC está especialmente centrada en Carballo. Ademais de dar emprego a cen persoas de maneira directa e a outras cen de maneira indirecta, que é o máis importante, para nós tamén é un motivo de satisfacción poder colaborar axudando, na medida en que podemos, a Carballo e ao comercio de proximidade, que tan mal o pasou durante a pandemia”, manifestou.

O alcalde agradeceu a Vázquez y Reino e ao CCA que para formalizar o convenio elixisen a Casa do Concello, “o espazo común que nos representa a todos os carballeses e carballesas”. Evencio Ferrero destacou a importancia do comercio para a dinamización da actividade económica e a “exemplaridade” de empresas como Vázquez y Reino, e engadiu que a colaboración entre distintos sectores é un exemplo de “madurez, de confianza e tamén da implicación que teñen co pobo, que é fundamental para que Carballo sexa ese bo lugar para vivir que todas e todos queremos”.

A casiña de conto do CCA e Vázquez y Reino abrirá as súas portas o vindeiro día 9 ás 20.30 horas, e estará a disposición da rapazada durante todo o Nadal.

Compartir: