O barrio da Milagrosa recupera a antiga Escola de Arrabaldes reconvertida en centro de uso social
A intervención realizada permitiu recuperar, 92 anos despois da súa inauguración, os elementos arquitectónicos máis representativos do proxecto orixinal de Eduardo Rodríguez Losada
Venres 5 de novembro do 2021
A antiga Escola de Arrabaldes, situada no corazón do barrio da Milagrosa, volve a ser un edificio do que podemos sentirnos orgullosos. A intervención que vimos de acometer non só permite dignificar un edificio que se viña utilizando nos últimos tempos como centro social, senón tamén recuperar os elementos arquitectónicos e estéticos máis representativos do proxecto orixinal de Eduardo Rodríguez Losada.
Deste xeito, 92 anos despois da súa inauguración, na Escola de Arrabaldes volven a lucir a tella curva no exterior e a madeira no interior, grazas a un novo proxecto do arquitecto carballés Javier Caamaño Puñal. Hoxe participou nunha visita de fin de obra xunto cun representante da empresa construtora, a carballesa Covisam Norte; o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.
O investimento realizado, próximo aos 150.000 euros, tiña como finalidade, precisamente, mellorar tanto o exterior coma o interior do edificio para dotalo de mellores condicións de habitabilidade, substituíndo as cubertas de fibrocemento por tella e as estruturas de madeira das mesmas polo deterioro que presentaban, reparando e pintando as fachadas, substituíndo as carpinterías de portas e ventás, mellorando o illamento, renovando e ampliando as instalacións de electricidade, iluminación, fontanería e saneamento e incorporando as de climatización, ventilación e seguridade anti-intrusión, así coma os aseos e os acabados interiores, e creando unha zona peonil na contorna.
O novo Centro Social Escola de Arrabaldes, no que pronto se colocará tamén o letreiro identificativo, poderá ser utilizado a partir de agora en moitas mellores condicións polo movemento asociativo do dinámico barrio da Milagrosa. O edificio ten unha superficie edificada de algo máis de 110 metros cadrados, que se distribúen entre unha ampla sala de uso social de case 70 metros, aseo e almacén.
Agardamos que o renovado edificio teña moitísimo uso e que a reforma que vimos de acometer, coa intención de que o mesmísimo Eduardo Rodríguez Losada se sentise orgulloso dela, sexa tamén un motivo máis de orgullo para a veciñanza do barrio e de todo o concello de Carballo.