Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

A CEMMA organiza para o sábado 9 en Razo unha xornada formativa sobre a asistencia á fauna mariña ameazada

A actividade enmárcase dentro da campaña de divulgación sobre a Rede de varamentos de Galicia. Inscríbete en cemmasolicitude@gmail.com

Mércores 6 de outubro do 2021

O Concello de Carballo colabora coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) nunha actividade formativo-divulgativa sobre a asitencia á fauna mariña ameazada, tartarugas e mamíferos mariños que se celebrará este sábado 9 de outubro na praia de Razo. O punto de encontro será o aparcamento contra o rego de Oza.

A iniciativa enmárcase dentro da campaña divulgación sobre a Rede de varamentos de Galicia que está a levar a cabo a CEMMA, coa axuda da Deputación da Coruña, dentro dos proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente para 2021. Nas vindeiras semanas terán lugar actividades semellantes en Corme e Miño.

O litoral de Razo e Baldaio é un espazo no que se rexistran varamentos ao longo do ano. O Concello de Carballo e a Agrupación de Protección Civil apoian a asistencia aos animais varados, en coordinación coa unidade móbil da CEMMA, permitindo a recollida de datos e mostras e coordinando a retirada dos exemplares.

A actividade deste sábado consiste en expoñer a presenza das especies obxectivo da asistencia a varamentos, as diferencias básicas entre tartarugas (réptiles) e lobos mariños e cetáceos (mamíferos), así como o que podemos ou debemos facer para poder asistir en primeira instancia a un animal varado. O público obxectivo é xenérico aínda que tamén está destinado a membros de protección civil, policía local e especialistas de medio ambiente, así como aos compoñentes dos Grupos de Voluntariado de Cobertura da CEMMA, que son os grupos locais de apoio. Calquera que sexa o teu caso, podes inscribirte enviando un correo electrónico cos teus datos a cemmasolicitude@gmail.com.

Rede de Varamentos de Galicia

A CEMMA é a única entidade autorizada para a xestión da Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións e convenio coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 horas 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Compartir: