A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Carballo coordina unha recollida de material humanitario para La Palma
As persoas que queiran colaborar poden entregar roupa de cama, produtos de hixiene e material técnico para o voluntariado na base do servizo municipal
Xoves 30 de setembro do 2021
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo, unida a todas as agrupacións do Estado, coordinará unha campaña de recollida de material humanitario imprescindible para a vida diaria da poboación de La Palma. “Debido á terrible catástrofe que está sufrindo a illa da Palma, numerosas familias quedáronse literalmente na rúa e co posto, polo que facemos un chamamento xeral a toda a poboación para que cada quen, dentro das súas posibilidades, colabore co que poida para poder axudar ás persoas que o precisen”, explica o xefe da Agrupación de Voluntarios de Carballo, Juan Barca.
O obxectivo da campaña, que se desenvolverá a nivel estatal, é achegar o material que precisan as persoas afectadas para poder seguir adiante. Nese sentido, o máis necesario nestes momentos son roupa de cama (sabas, mantas…), toallas e material de hixiene tanto para adultos coma para nenos.
Así mesmo, para facilitar o labor das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de La Palma tamén se precisa material técnico coma cascos, chalecos, máscaras filtrantes ou lanternas.
Todas aquelas persoas, empresas e entidades que queiran colaborar poden depositar o material na Base de Protección Civil do Concello de Carballo ata o venres día 8 de outubro de 2021. Dende aquí, a Agrupación de Voluntarios farase cargo de enviar, ou, se é posible, entregar persoalmente, toda a axuda que se recolla ás persoas afectadas pola erupción do volcán de Cumbre Vieja.