Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O CCA pon en marcha un ano máis a campaña "Que rule, que rule!" coa participación de 53 establecementos

Ademais da presentación da iniciativa, tamén se deu a coñecer a composición da nova xunta directiva

Xoves 3 de xuño do 2021

A presentación da campaña tivo lugar ás 14.00 horas diante do Concello

A presentación da campaña tivo lugar ás 14.00 horas diante do Concello

O Centro Comercial Aberto (CCA) pon en marcha de novo a campaña "Que rule, que rule!", "coa que queremos agasallar e agradecer á nosa clientela o seu apoio e a súa aposta polo comercio local de Carballo". As palabras son de Germán Riveiro, o novo presidente o CCA, que aproveitou o acto de presentación da iniciativa para dar a coñecer aos seus compañeiros e compañeiras da xunta directiva: Mari Pacoret, Jose Collazo, Vanesa Cabeza, Celina Soneira e Vanesa Facal. "Comezamos esta nova andaina con moita ilusión e con moitas ganas de seguir facendo do comercio e das empresas de Carballo referentes da nosa comarca", manifestou.

A xunta directiva do CCA estivo acompañada polo concelleiro de Promoción Económica e polo alcalde de Carballo. Xosé Reugeira mostrouse "orgulloso" do traballo desenvolvido pola anterior directiva e expresou os seus parabéns á actual "por asumir un reto tan importante como é organizar o comercio de Carballo". O concelleiro de Promoción Económica aludiu aos eventos que se están a celebrar e aos que se van levar a cabo durante os días da campaña como elementos de atracción comercial, e nese sentido animou "a que a xente de Carballo compre en Carballo", e engadiu que "a xente que veña de fóra seguro que repetirá".

Germán Riveiro, novo presidente do CCA

Germán Riveiro, novo presidente do CCA

O alcalde, que tamén recoñeceu o traballo da directiva saínte e felicitou á entrante, destacou que o feito de "que haxa xente tan dinámica e bo para o comercio e bo para Carballo". Evencio Ferrero animou á veciñanza a "consumir local", porque a actividade que xera o sector comercial contribúe a "crear estrutura" de pobo, e asegurou que dende o Concello de Carballo seguiranse a apoiar as iniciativas do CCA porque contribúen a reforzar "a excelente imaxe que xa ten o comercio carballés".

Tamén se achegou ao acto o presidente saínte, Ricardo Pallas, que agradeceu o apoio do Concello de Carballo, desexou moita sorte á nova xunta directiva e ofreceu a súa axuda no que sexa preciso. O seu sucesor aludiu á "ilusión" e ás "ganas" do novo equipo do CCA para "seguir reinventándonos e dándolle continuidade ao traballo na visibilidade do comercio local con campañas como esta, que non sería posible sen os máis de cen establecementos socios do CCA, entre os que están os diferentes sectores comerciais que enchen as rúas de Carballo de comercio de calidade e de proximidade".

A CAMPAÑA

Esta segunda edición da campaña "Que rule, que rule!" desenvolverase dende o sábado 5 ata o sábado 19 de xuño. Durante estes días, os 53 comercios participantes estarán engalanados coa imaxe da iniciativa e agasallarán á súa clientela cun vale por cada compra para participar, os dias 12 e 19, de 17.00 a 21.00 horas, no xogo da ruleta, que se realizará na Praza do Concello. As persoas participantes ou ben recibirán un agasallo directo ou ben participarán no sorteo de tres cheques de compra por valor de 100 euros cada un. O sorteo realizarase ao remate de cada xornada de xogo da ruleta.

O CCA anunciou que haberá máis de 1.700 premios directos (almorzos, comidas, ceas, xeados, vales de desconto...) ademais dos sorteos dos seis cheques por valor de 100 euros cada un que se realizarán os días 12 e 19, e que se complementan con outros 200 premios aportados por empresas carballesas doutros sectores.

Compartir: