O Consello Parroquial de Vilela reclama máis investimentos en infraestruturas
No pleno do luns 25 será aprobada definitivamente a modificación urbanística que permitirá construír unha praza na contorna do pombal
Sábado 23 de novembro do 2019
Os veciños e veciñas de Vilela reclaman máis investimentos en infraestruturas e servizos, tanto do Concello de Carballo coma da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Do Concello solicitan máis puntos de luz, melloras viarias, a ampliación do centro social, a limpeza de fontes e a colocación ou reposición de sinais. E tamén pediron que dende a Administración local se xestionen as actuacións que dependen doutras institucións, como a mellora da seguridade na estrada provincial, a extensión da fibra óptica, o cambio de horario do transporte escolar ou a reapertura da escola que se usa agora como centro social.
A veciñanza de Vilela amosou no Consello Parroquial celebrado este venres o seu malestar pola distribución dos recursos municipais, pois consideran que a súa é a parroquia menos beneficiada, mentres que noutras estanse a facer investimentos moi importantes. Aludiron en concreto ao reparto do superávit do ano 2018, que acada 1.300.000 euros e que se vai destinar integramente ás parroquias.
Nestes momentos a principal actuación en marcha, que o Consello Parroquial segue a considerar unha prioridade, é o proxecto para dispoñer dunha praza pública na contorna do pombal. Precisamente no pleno do luns 25 será aprobada definitivamente a modificación urbanística que a fará posible.