Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

Aloumiños celebra a cuarta edición do Festival Solidario Inclusón cun concerto de Pakolas

A asociación tamén presentará o día 23 o calendario ilustrado polos/as gañadores/as do concurso "Xuntos sumamos"

Luns 18 de novembro do 2019

A música e a ilustración centrarán esta fin de semana as actividades programadas pola asociación carballesa Aloumiños, en colaboración do Concello de Carballo, con motivo da celebración, no Pazo da Cultura, do seu 4º Festival Solidario Inclusón e da presentación do calendario do Concurso “Xunt@s sumamos”. Unha dobre xornada, enmarcada no ciclo ‘Novembro con música’ da Concellería de Cultura, coa que Aloumiños pretende compartir o ocio saudable e inclusivo con todos os veciños mediante a música e a ilustración.

Cinco euros, en concepto de donativo solidario, será o prezo das localidades para o festival e do calendario, que se poden adquirir por anticipado de martes a xoves, de 10.30 a 12 horas, no local que Alomiños ten no Espazo Xove de Carballo (rúa Valle Inclán, n° 24, 3º andar), ou na billeteira do Pazo da Cultura o mesmo día do festival. O calendario venderase tamén en comercios colaboradores de toda a Costa da Morte que a entidade dará a coñecer en datas próximas nas súas redes sociais. Aloumiños resolverá calquera dúbida no correo asociacionalouminhos@gmail.com e no teléfono 604028730.

O sábado 23, ás seis da tarde, no Salón de actos do Pazo (2° andar) comezará a presentación e entrega de premios do “Calendario Aloumiño 2020”, ilustrado polos gañadores do concurso “Xuntos Sumamos” que organiza a entidade e no que participa alumnado de primaria dos centros educativos de Carballo e toda a Costa da Morte. O certame ten o obxectivo de fomentar a participación, a empatía e a inclusión, así como educar aos nenos e nenas en valores, o mesmo na casa que na escola, favorecendo a convivencia tanto no colexio como na comunidade. O xurado deste ano estivo composto por los artistas carballeses Milagros Cotelo e Mon Lendoiro e polo sociólogo, tamén carballés, Santi Pazos.

O domingo 24, desde as as 18 horas, a diversión estará garantida no auditorio do Pazo co espectáculo “Cores, Contos e Rock n´Roll”, de Pakolas, que nos ofrecerá unha proposta musical e conceptual na que se mesturará a música e a ilustración. Mentres que o concerto avanza, a artista Laura Romero irá plasmando conceptos e emocións nun lenzo. Ademais, habilitarase un espazo do libro inclusivo para achegar esta temática aos nenos e nenas. Un divertido photocall, un punto de Información e o sorteo de agasallos entre todos os/as asistentes completarán unha xornada de ocio saudable a prol da igualdade e a inclusión.

Presentación

O concerto e a entrega de premios do concurso do calendario presentáronse esta mañá na casa do concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a presidenta de Aloumiños, Claudia Bajo. “O traballo de Aloumiños”, dixo Marcos Trigo, “é moi coñecido en moitos ámbitos, e entre as accións que realiza a entidade durante todo o ano están as actividades culturais das que hoxe falamos e coas que seguro gozaremos esta fin de semana”. “Para nós”, engadiu, “é un orgullo colaborar con programas así, que dinamizan tanto a sociedade”.

Claudia Bajo explicou polo miúdo as actividades que acollerá o Pazo da Cultura este sábado e domingo, así como os obxectivos que pretende con elas Aloumiños: “Desde os nosos comezos, con estas accións, dedicadas a toda a familia, quixemos levar a inclusión a través do ocio e da música”. Bajo agradeceu a colaboración do Concello de Carballo, “por todo o que nos axuda e pola implicación que ten coa nosa asociación e coa inclusión”.

“O éxito da fórmula proposta por Aloumiños está dabondo contrastada en edicións anteriores e so vai cambiando, cada ano, a actuación estelar”, asegurou Evencio Ferrero. “Para nós, o desta fin de semana non é un festival máis, non é un espectáculo máis que se realiza no Pazo da Cultura, senón que é un evento solidario, algo moi salientable nunha asociación que ten pouco percorrido vital pero moito percorrido emocional e de actividade, o que lle valeu recoñecementos tan importantes como un lugar nos Premios Carballés, Bergantiñán e Galego que outorga cada ano o Padroado Fogar de Bergantiños”.

Compartir: